Os motivos que pode ter un alumno de Bacharelato para iniciarse no estudo da lingua portuguesa poden ser moi variados. No caso do noso protagonista de hoxe, a razón é máis ben profesional. Alexandre Fernández Crende estuda segundo de BAC no instituto Nosa Señora dos Ollos Grandes da capital luguesa e este é o segundo ano que elixiu o portugués como materia optativa entre a segunda lingua estranxeira. Fíxoo pensando no futuro, xa que a súa intención é estudar Enfermería, e tendo en conta a cantidade de enfermeiros galegos que acaban traballando en Portugal, é posible que o que aprenda agora lle sexa de grande utilidade no futuro.
Polo que ata agora leva estudado, o que máis lle chama a atención a Alexandre do portugués é a súa pronuncia. A lectura dalgúns libros que lle recomendou a súa profesora, María Xosé Piñeiro , fixo que o interese deste alumno pola lingua portuguesa aumentase, tanto é así que Alexandre Fernández Crende vai estar o día 12 de abril na gran final do Campionato da Lingua Portuguesa, un concurso que promoven, entre outros, o xornal portugués Expresso e no que participan os 200 mellor clasificados nas probas da primeira fase. Aínda que este alumno lugués estará na final a título persoal, o mérito de ter chegado ata aquí é tamén da súa profesora e do resto de compañeiros de clase: Adrián, Ana, Carme, David, Iago, Jorge, Nicolás, Omar, Paulo, Raquel, Sabela, Sandra e Verónica.
Este é o cuarto ano que os alumnos de portugués do instituto Nosa Señora dos Ollos Grandes participan no mencionado campionato. Nas tres edicións anteriores sempre ficaran ás portas da final. Chegar a esa meta non é tarefa fácil, e menos para alguén procedente dun lugar onde non se fala portugués. En calquera caso, independentemente do que ocorra nesa final, este concurso, no que hai que superar probas tipo test e localizar os erros existentes nun texto, seguirá a formar parte habitual das clases de lingua portuguesa que María Xosé Piñeiro imparte no mencionado instituto lugués, unhas clases moi amenas e participativas. Ademais, deste xeito están cumprindo un dos obxectivos iniciais: o de introducir o portugués nos institutos.
Como se acostuma a dicir nestes casos, o importante é participar. E só polo feito de estar nesa gran final Alexandre vai recibir un diploma de participación, un dicionario académico da Lingua Portuguesa e unha diciopedia. En caso de gañar, os premios para os tres primeiros clasificados son viaxes a Exipto, incluíndo unha visita á Biblioteca de Alexandría, a Londres e a Madrid. A unha semana da celebración da final desta proba, este estudante lugués recoñece que vai acudir a esa cita, retransmitida en directo pola cadea de televisión portuguesa SIC, a facer o que poida e que xa se da por satisfeito polo simple feito de chegar ata esa final, na que se medirá a participantes de Brasil e de diversos países dos cinco continentes, xa que no concurso se inscribiron persoas dos máis diversos lugares, como Australia, China ou Luxemburgo.
Grazas ao labor que está levando a cabo esta profesora de portugués, esta lingua está deixando de ser unha descoñecida entre o alumnado lucense. No IES Nosa Señora dos Ollos Grandes está gañando adeptos, entre outras cousas desde que na páxina web do centro existe un blog dedicado a todo o relacionado con esta lingua e coa cultura lusófona. Se se adentran nese blog poderán atopar por exemplo novas relacionadas con acontecementos culturais que teñen lugar en Lugo, pero que están vencellados dalgún xeito coa lusofonía. Tamén hai espazo para os apuntamentos históricos e mesmo recomendacións para mellorar o portugués no tempo de lecer, xa sexa a través de libros, programas de televisión ou viaxes.
Son precisamente as viaxes outro dos alicientes que leva a algún estudante a interesarse polo portugués, xa que saben que se escollen este como materia optativa, ao remate do curso van ter a correspondente excursión por terras portuguesas. Fotografías desas viaxes e mesmo impresións dos alumnos que participaron nelas tamén se poden atopar no blog de portugués da web do instituto Nosa Señora dos Ollos Grandes. Ademais, como en calquera blog, neste hai interesantes ligazóns a outros sitios, como poden ser os dalgúns xornais portugueses e outros medios de comunicación ou o do propio Instituto Camões.
Logo deste inicio triunfal no portugués, unha vez que abandone o instituto, o que non quere Alexandre é deixar de lado esta lingua, polo que agarda seguir mantendo contacto coa súa profesora e continuar estudando esta lingua na Escola de Idiomas.