Prehistoria oculta baixo os prados

SANTIAGO CIUDAD

Nunha finca do Saviñao comezaron as primeiras escavacións que se realizan na comarca de Lemos co obxectivo de localizar xacementos do Paleolítico

05 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

En medio dunha néboa espesa, en torno ás dez da mañá de onte, un grupo de estudantes de historia comezaba a primeira sondaxe arqueolóxica que se realiza na comarca de Lemos coa intención de localizar un xacemento do Paleolítico. O sitio escollido para a intervención é unha propiedade particular da localidade de Pedras, na parroquia de Vilelos, no Saviñao. A escavación comezou nun punto situado a poucos pasos dunha manxadoira portátil na que neses mesmos momentos estaba a alimentarse o gando que alberga a finca. O obxectivo consiste en averiguar se o subsolo da aldea garda vestixios importantes das comunidades humanas primitivas que poboaban estas terras hai decenas ou centos de miles de anos.

Os responsables do amplo proxecto de investigación coordinado pola Universidade de Santiago do que forman parte estes traballos -iniciado hai agora dous anos- opinan que a finca de Pedras é un lugar adecuado para as primeiras escavacións ao aire libre que emprenden dentro do proxecto. Os indicios en que se basean consisten principalmente nun par de ferramentas prehistóricas -bifaces ou machados de pedra- que apareceron enterradas no lugar cando os donos da finca fixeron obras para construír unha fosa séptica. O antigo alcalde Enrique Pérez Losada avisou deste achado casual aos investigadores, que lle encontraron un especial interese. Unha prospección feita o pasado xoves localizou outro artefacto paleolítico na superficie do terreo, no entorno inmediato da finca, o que supón outra pista alentadora.

Primeiras probas

Polo momento, as sondaxes faranse en dous pequenos rectáncgulos de terreo de dous metros de longo por un de ancho, situados en diferentes puntos da finca. Se estes traballos logran desenterrar máis vestixios de industrias paleolíticas, a operación podería prolongarse e adquirir máis importancia. «En primeiro lugar faremos estas dúas sondaxes para intentar determinar a extensión do posible xacemento e comprobar a que profundidade poden estar sepultados os materiais», explica o arqueólogo Arturo de Lombera, un dos directores dos traballos de campo. «En caso de que obteñamos un resultado positivo, poderíamos facer o que se chama unha escavación en área, cubrindo un espazo máis grande», engade.

O feito de comezar a escavar moi pouco tempo despois dun período de chuvias pode ocasionar algún inconveniente aos investigadores. «O problema é que o nivel freático pode estar agora bastante alto, talvez só a un metro de profundidade, e nese caso non se podería seguir escavando máis abaixo porque o terreo encharcado é moi malo para estes traballos», apunta De Lombera. O arqueólogo apunta que, de todos os xeitos, parece pouco probable que os supostos útiles paleolíticos se encontren a máis de metro e medio por debaixo do chan, porque as obras que desenterraron as ferramentas descubertas polos veciños non chegaron máis abaixo.

Se nos próximos días reaparecesen os chuvascos, o traballo científico tamén podería verse moi entorpecido. «Imos aproveitar o bon tempo que estamos tendo para avanzar coa maior rapidez posible. O que importa agora é confirmar a existencia dun xacemento neste lugar e determinar o seu potencial, e por iso decidimos limitar as primeiras sondaxes a uns espazos moi pequenos», sinala o arqueólogo.