Militante nacionalista dende hai 29 anos, este ex parlamentario leva outros tantos exercendo a avogacía en Lugo
29 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Alberte Xullo Rodríguez Feixóo deixou o Parlamento tras as últimas eleccións autonómicas e recuperou as xornadas maratonianas de ata dez horas no seu despacho de Foro Avogados no que conseguiu un gran prestixio como laboralista. Leva 30 anos na profesión, practicamente tantos como na política, que é a segunda actividade á que lle ten dedicado máis tempo. Agora pasárono á situación de reserva en contra da súa vontade, segundo recoñece abertamente, ainda que iso non lle impide analizar a situación coa maior obxectividade posible e destacar os bós resultados do Bloque nas recentes eleccións.
«Entrei na política soliño, por iniciativa e vontade propia, sen ir da man de ninguén». Alberte Rodríguez Feixóo ingresou na AN-PG en 1979 en Lugo, onde se atopou con Lois Diéguez e con Manolo Castiñeira, que era o cabeza de lista e concelleiro na capital da provincia. Con este último, que abandonou a militancia política hai bastantes anos, conserva unha boa relación, que Alberte non se atreve a chamarlle amizade íntima «porque non saímos a cenar xuntos coas señoras, pero a relación é moi boa, polo menos pola miña parte e coido que tamén pola del». ¿E con Lois? «Manteño relación tamén, porque os dous seguimos militando e temos habitual de compañeiros no BNG».
Durante un tempo, Rodríguez Feixóo figurou nas quinielas para o candidato nacionalista a alcaldía de Lugo, ademais de ser un dos parlamentarios máis activos da súa agrupación. Sen embargo, por esas cousas da política, en pouco tempo houbo un cambio na dirección do Bloque e os máis bregados e veteranos dirixentes quedaron descolgados, co propio Xosé Manuel Beiras incluído.
Ata mañá é o secretario nacional de Esquerda Nacionalista, formación á que pertenceu Beiras. Alberte, pese a ser aínda o secretario dun dos partidos que integran o Bloque, evita referirse a el coas siglas dos grupos e sempre fala do BNG. «A partir do 2005, o BNG non conta comigo para nada e eu considero que estou xubilado forzoso da política». Por iniciativa propia non ten intención de «trastocar» os plans do Bloque, «e se a organización decidiu non contar comigo para a política activa, non vou ser eu quen lle torza a idea».
Cando se lle insiste no seu futuro político el tamén incide: «Neste momento estou en situación de xubilación forzosa e acéptoa resignadamente». Iso si, sigue convencido de que no BNG se deu un caso case único nos partidos políticos, de prescindir dunha serie de persoas con moita experiencia que acadaron os mellores resultados da presente etapa do nacionalismo.
O aínda secretario nacional de Esquerda Nacionalista quítalle ferro a unha decisión que no seu momento o enfadou bastante, porque considera que a orde non foi da agrupación comarcal de Lugo senón que chegou de Santiago. Ocorreu cando o seu partido tiña convocada una rolda de prensa na sede do Bloque, na rúa Miguel de Cervantes, e chegou alí e atopou a porta pechada a pesares de que había solicitado o local polo conduto regulamentario. ¿É posible manterse unidos alcanzando tal grado de tensión? É posible; «precisamente, o milagre do Bloque Nacionalista Galego é ese, que tendo distintas opinións a respeito de múltiples aspectos dentro da mesma organización, que se manteña unido».
A Rodríguez Feixóo houbéralle gustado participar na política activa unha vez que o BNG chegou á Xunta. Pero aclara que mellor na función executiva, onde considera que podería ser máis útil porque a parlamentaria, tras catro lexislaturas, xa a tiña «plenamente cuberta cun traballo de oposición moi intenso».