Unha finca da parroquia de Vilelos, no Saviñao, é o lugar escollido para realizar a primeira sondaxe que faga na comarca de Lemos coa fin de buscar no subsolo os rastros dun posible asentamento paleolítico. A elección do lugar débese ao achado fortuíto dun par de ferramentas prehistóricas, cando os propietarios do terreo facían preparativos para construír unha fosa séptica.
A importancia do achado reside nas circunstancias en foron encontradas estas pezas, dous bifaces ou machados de pedra tallados en cuarcita. De entre todos os centos de artefactos localizados ata agora no Val de Lemos, son case os únicos -coa excepción dunha soa peza achada en Monforte- que apareceron no que se chama un contexto estratigráfico, isto é, sepultados nunha camada de terreo que puido formarse na mesma época en que se fabricaron. A análise radiométrica ou polínica do terreo que encerraba estes obxectos podería así servir para precisar a súa antigüidade. Isto non pode facerse cos artefactos achados na superficie, xa que están separados do seu contexto orixinal talvez desde hai moitos miles de anos e polo tanto só se poden datar de forma aproximada e hipotética, baseándose na súa morfoloxía. Cabe tamén a posibilidade que no mesmo lugar estean enterradas máis ferramentas pertencentes a un mesmo xacemento.