«Se seguimos así, non sei ata onde poderemos chegar na investigación do Paleolítico na provincia de Lugo»

LUGO

Ramón Fábregas, arqueólogo e catedrático da USC, prepara a terceira campaña de investigación do Paleolítico do sur lucense, que comezará o próximo abril.

-Despois de dous anos de investigacións, ¿pode saberse xa se este proxecto vai cambiar a historia da arqueoloxía paleolítica galega?

-Penso que si, aínda que algún colega talvez poida sentarlle mal (risas). O certo é que estamos tendo uns resultados magníficos tanto na comarca de Lemos como nas montañas orientais, e iso que aínda non fixemos máis que rañar na superficie, como quen di. Por exemplo, os achados que se fixeron na cova de Valdavara, en Becerreá, teñen un valor moi alto en comparación co pouco que se removeu o terreo. Se as cousas continúan así cando comecemos coas verdadeiras escavacións, non sei ata onde poderemos chegar. Os resultados ata agora son excelentes e as perspectivas son aínda mellores.

-¿Cre que estas investigacións poderán continuar indefinidamente, como as de Atapuerca?

-A nosa idea é seguir investigando na medida en que dispoñamos de recursos económicos e humanos. Se continuamos con esta dinámica de descubertas importantes ano tras ano, sería parvo porlle límites temporais ao proxecto. Por agora, a axuda que nos concedeu o Ministerio de Educación y Ciencia permitiranos traballar outros dous anos e tamén pensamos solicitar o apoio da Xunta. Non desbotamos pedir máis axudas públicas ou privadas, en función dos resultados científicos que vaiamos obtendo.

-A súa idea inicial tamén era axudar a consolidar unha escola galega de especialistas en Paleolítico.

-Seguimos tendo esa intención e xa estamos avanzando nese aspecto. No proxecto colaboran estudantes que, se todo continúa saíndo ben, poderán ir formándose en diversas especia lidades relacionadas coa investigación do Paleolítico. É necesario contar con persoal especializado para que investigue dunha forma continuada, porque aos proxectos que se fixeron ata agora en Galicia neste campo faltoulles iso.