Presidencia financiará a ampliación do Centro Social de Castroverde

Cristina López

LUGO

09 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O conselleiro da Presidencia, José Luis Méndez Romeu, comprometeuse onte a financiar a ampliación do Centro Social de Castroverde. Neste sentido anunciou que nos próximos orzamentos que aprobe a Xunta quedará resolta a necesidade de ampliación de dito centro co fin de dar cabida a todas as actividades; atender as necesidades da xente e mellorar as condicións de vida neste municipio.

Este anuncio serviulle ao conselleiro de Presidencia para poñer de relevo o impulso que o actual Goberno lle está a dar á cooperación cos concellos. Precisamente neste ámbito destacou que en materia de protección e ante situacións de emerxencia, este departamento dotou de vehículos de primeira intervención á case a metade dos concellos da provincia de Lugo (31 en concreto), no último ano.

Con vistas a seguir incrementando esa cooperación, Méndez Romeu recoñeceu que están en conversas coa Deputación Provincial para establecer entre as distintas administracións «un sistema que lle garanta a calquera veciño da provincia de Lugo condicións profesionais de asistencia en caso de emerxencia». Se esas conversas dan o seu froito e ese sistema sae adiante no 2008, servirá, en palabras do conselleiro de Presidencia, como exemplo do que debe ser a cooperación entre institucións para conseguir «que todos os concellos teñan un nivel de servizos semellante, independentemente do seu tamaño».

Reforma do consistorio

O motivo da presenza de José Luis Méndez Romeu en Castroverde onte foi a inauguración das obras de rehabilitación da segunda fase da Casa do Concello, unhas obras ás que a Consellería de Presidencia destinou 100.000 euros. Os traballos realizados incluíron o remate da fachada do edificio e o acondicionamento do interior. Máis concretamente leváronse a cabo remates de carpintería e vidrería; o acceso ao baixo cuberta; o revestimento dos paramentos no salón de plenos, así como o acondicionamento para a súa accesibilidade dende o exterior e o picado, limpeza e rexuntado das fachadas do edificio co obxecto de valorizalo, xa que se atopa nunha das rutas do Camiño de Santiago. O investimento tamén permitiu a adquisición de novo equipamento e mobiliario para o salón de plenos, algúns despachos, as oficinas xerais e o arquivo municipal.

O conselleiro de Presidencia destacou que a modernización e rehabilitación da casa consistorial de Castroverde, mellorando a súa accesibilidade e funcionalidade, permitirá ofrecer aos veciños «un servizo mellorado». Méndez Romeu estivo acompañado na súa visita polo delegado provincial de Presidencia, Luis Rodríguez Edrosa; a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial, Lara Méndez; a concelleira de Economía do Concello de Lugo, Sonia Méndez; o deputado provincial socialista e alcalde de Castro de Rei, Juan José Díaz Valiño, e varios membros da corporación municipal de Castroverde, encabezada polo seu rexedor, Xosé María Arias Fernández. Todos eles acompañaron ao conselleiro no seu percorrido ata o lugar no que se atopa o Centro Social.