As escavacións da Cova do Xato, no Courel, seguen poñendo ao descuberto restos de fauna

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

29 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

As escavacións que se levan a cabo na Cova do Xato, no municipio do Courel, puxeron ao descuberto novos restos de fauna antiga, aínda que continúan sen localizar rastros de ocupacións humanas do Paleolítico.

Durante a pasada fin de semana, os arqueólogos desenterraron un cranio pertencente a algún tipo de cáprido, así como diversos fragmentos de ósos e un dente. Os novos restos súmanse aos que foron encontrados durante os pasados días en tres puntos diferentes do interior da caverna e, segundo cren os investigadores, poden corresponder ao Pleistoceno, época xeolóxica que terminou coa última glaciación, hai uns 10.000 anos, e na que se desenvolveron as culturas paleolíticas.

Os achados serán analizados no laboratorio nos próximos meses a fin de determinar a que especies animais pertencen e a etapa cronolóxica a que corrresponden. Algúns destes osos presentan marcas de mordeduras, polo que se considera que nalgún momento a gruta debeu servir de refuxio a especies carnívoras.

Os traballos da Cova do Xato continuarán durante esta semana. Os arqueólogos seguirán escavando ao mesmo tempo que trazan un perfil topográfico da cavidade. Os responsables desta campaña científica promovida pola Universidade de Santiago consideran pouco probable que nos días que faltan aparezan vestixios de poboacións prehistóricas, aínda que non desbotan esta posibilidade.

«Por agora non encontramos ningún indicio das poboacións humanas do Pleistoceno, pero esta cova está resultando de bastante interese desde o punto de vista paleontolóxico e está proporcionando moitos datos que nos axudarán a reconstruír o medio ambiente da zona na época paleolítica», sinala a este respecto o arqueólogo Arturo de Lombera.

Cerámica

Nunha das escavacións realizadas dentro da cova -nun punto próximo á entrada- apareceron restos de cerámica, pero os investigadores consideran que pertencen xa á época histórica, sen que se poida precisar polo momento se corresponden ao período castrexo, ao romano ou ao medieval.