A peza está na capela de Vilar de Mouros, pechada ao culto hai anos
03 feb 2012 . Actualizado a las 07:02 h.A delegación de patrimonio histórico e artístico do bispado pretende recuperar un retablo -datado presumiblemente no século XVIII- da capela de San Salvador de Vilar de Mouros, situada na parroquia soberina de Doade e pechada ao culto desde hai moito tempo. A peza é unha talla de barroco popular de limitado valor artístico pero con certo interese histórico e está hoxe nun estado de deterioro moi avanzado debido ás malas condicións de conservación deste pequeno templo.
Segundo explica César Carnero, responsable do mencionado departamento, o retablo seguramente poderá ser restaurado a pesar do seu mal estado e o máis probable é que sexa retirado definitivamente do lugar, xa que a capela está moi arruinada e non ofrece as condicións necesarias para albergalo. «A obra non é que teña un valor excepcional, pero merece a pena conservala como un testemuño da arte relixiosa popular e da presenza histórica desta capela», engade. A capela depende da parroquia monfortina de Marcelle a pesar de acharse no municipio de Sober. O edificio está ubicado nunha parte do territorio soberino rodeada completamente por terras pertencentes a Monforte.
Un caso significativo
A situación da capela e do retablo, apunta por outro lado César Carnero, é un exemplo significativo das dificultades que presenta actualmente a conservación dunha boa parte do patrimonio relixioso. «Na nosa diócese e en toda Galicia hai moitas capelas como esta, que deixaron de servir para o culto a causa do despoboamento galopante do medio rural -sinala a este respecto-, e o patrimonio artístico e histórico que encerran non está recibindo a atención que merecería porque agora o máis urxente é salvar outros elementos máis importantes que tamén están en mal estado de conservación».
O delegado diocesano opina por outro lado que este problema se incrementará considerablemente nos próximos dez ou quince anos, a medida que vaian quedando deshabitados moitos núcleos rurais que agora só contan cuns poucos veciños. «Hai moitas igrexas e capelas que van quedar pechadas e habería que ir pensando en pór a salvo os elementos de interese artístico e histórico que poidan conter antes de que comecen a deteriorarse, como pasou na capela de Vilar de Mouros», sinala Carnero. «O malo é que hoxe en día, coa crise económica e os recortes orzamentarios, está moi difícil conseguir axudas para preservar esa parte do patrimonio», agrega.