«O viño biodinámico non é un viño mellor, pero si máis vivo»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Profesor de xeografía e historia en Moscova, Vila difunde as práticas agrícolas respectuosas co medio ambiente

02 ene 2012 . Actualizado a las 17:46 h.

O quirogués Roberto Vila García, profesor de xeografía e historia no Colexio Rosalía de Castro de Moscova, dedica moito tempo a informarse sobre a chamada agricultura biodinámica. Aproveitando unhas breves vacacións no municipio natal, deu na Casa de Cultura da vila unha conferencia sobre a bioloxía dinámica e a viticultura.

-¿Cal é a súa relación coa bioloxía dinámica?

-Non ten nada que ver coa miña actividade profesional como docente. Intereseime por estes métodos despois de escoitar en Moscova unha conferencia sobre Rudolf Steiner, o pensador austríaco que fundou esta corrente. Alí non se falou de agricultura, senón de educación, porque Steiner tamén fixo un labor moi importante no terreo da pedagoxía. Tiven curiosidade por saber máis sobre estas teorías e documenteime todo o que puiden. Lin moitos miles de páxinas sobre a agricultura biodinámica e sempre que teño ocasión gústame axudar a divulgala un pouco máis.

-¿Que relación hai entre estas prácticas e a agricultura ecolóxica tal como está legalmente regulada na actualidade?

-A agricultura biodinámica é ante todo unha volta á agricultura de sempre e niso coincide coa agricultura ecolóxica. É dicir, comparte o principio de eliminar o uso de pesticidas, herbicidas e outros produtos que envelenan e empobrecen os solos, e en xeral, de todas as práticas que teñen un impacto negativo no medio ambiente. O que distingue á agricultura biodinámica é que esta intensifica a relación das práticas agrícolas coa lúa e coa posición dos astros. Este último aspecto fixo que bastante xente a relacionase coa maxia e a bruxería, pero non ten nada que ver con iso, xa que se basea simplemente na observación do medio natural.

-¿Que beneficios cre que lle poden proporcionar aos viticultores?

-En primeiro lugar, serve para elaborar un produto moito máis saudable, xa que hai que abandonar os herbicidas, os sulfatos sistémicos, os abonos industriais... Os tratamentos fanse a base de plantas medicinais. Como tampouco se utilizan os fermentos e levaduras industriais que uniformizan os sabores, obtense un viño que reflicte moito mellor as características do terreo, o que se chama en francés o terroir. E tamén reflicte as condicións meteorolóxicas que houbo ao longo do ano. Ten que quedar claro que facer un viño biodinámico non significa facer un viño mellor, xa que a calidade depende de moitos outros factores, pero si un viño máis vivo e con personalidade propia.

-¿E os inconvenientes?

-Por un lado aforras moito en produtos fitosanitarios, pero por outro lado require un investimento moito maior en horas de traballo. Este tipo de agricultura exixe unha atención constante e non se pode praticar como pasatempo de fin de semana. Ademais, hai que estar un par de anos sen producir para que o solo se recupere do impacto dos produtos sistémicos.

-¿E como é o centro onde vostede traballa en Moscova?

-Foi creado grazas a un convenio entre o Concello de Moscova, que ten as competencias educativas, e o Ministerio de Educación español. É un centro bilingüe onde se pode cursar o bacharelato en castelán. Case todos os alumnos son rusos e mostran moitísimo interese por todo o que ten relación con España e coa cultura hispánica. O centro ten tamén moitos vínculos con Galicia porque desde os seus inicios mantivo unha colaboración estreita co Instituto Rosalía de Castro de Santiago. Foi por iso que tomou o mesmo nome. Este é o quinto curso que traballo alí.

roberto vila divulgador da agricultura biodinámica