A Xunta actúa nunha vintena de quilómetros de travesías lucenses

La Voz

LEMOS

Os proxectos afectan, entre outros, a un segundo treito da Rolda Leste de Lugo, no que se investirán case nove millóns de euros, e á variante de Lourenzá

10 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Dos 17.546 quilómetros que comprende a extensa rede de estradas da Comunidade Autónoma Galega, 1.670 corresponden a treitos de travesías, o que representa máis do trinta por cento do total da rede. Esta particularidade, unida ao feito de que o 42,23% dos 1.262 accidentes con vítimas que tiveron lugar no pasado ano na rede autonómica, se producisen en travesías urbanas, levou á Xunta a marcarse como obxectivo a solución dos problemas relativos a este tipo de vías, incluíndo, tanto no Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica (Plan MOVE 2009-2020) coma no Plan de Seguridade Viaria 2011-2015, actuacións correspondentes á ordenación do tráfico nestas zonas.

Ditas actuacións, que teñen como finalidade a mellora da accesibilidade e da seguridade viaria, suporán a posta en servizo de máis dun cento de quilómetros de variantes, permitindo así ordenar 100.000 movementos de tráfico que na actualidade atravesan os núcleos de poboación. É precisamente a actuación en ámbitos urbanos a que centra os plans da Xunta de Galicia nesta materia, como proba o feito de que sexa nas sete grandes cidades de Galicia nas que se concentren actuacións relativas a variantes e circunvalacións que suman case 80 quilómetros de obras. E é que, como sinala a directora xeral de Infraestruturas, Ethel Vázquez Mourelle, «a maior parte das travesías que presentan intensidades máis altas concéntranse sobre o viario de acceso ás cidades».

Área de Lugo

No caso de Lugo, logo da entrada en servizo dun primeiro treito de 2,36 quilómetros da Rolda Leste, que enlaza a N-640 coa estrada da Fonsagrada (LU-530) e no que se investiron pouco máis de nove millóns de euros, está pendente de completar esta circunvalación da cidade, no referente á conexión da LU-530 coa N-VI. Son case tres quilómetros de obras e o investimento previsto achégase aos nove millóns de euros. Outra das variantes proxectadas é a que afecta ao municipio mariñao de Lourenzá. Por outra banda estanse executando traballos nun treito de concentración de accidentes la LU-533 entre Chantada e Esquiaron por importe de 1,8 millóns. A que xa está sendo utilizada é a variante de Sarria. Neste caso actuouse nun treito de case catro quilómetros, nos que se investiron sete millóns de euros. Outra que entrou en servizo foi a AG-64, entre Ferrol e Vilalba, onde tamén se levaron a cabo actuacións nun treito de concentración de accidentes.

No resto da comunidade

Polo que ao conxunto de Galicia respecta, as infraestruturas en obras máis salientables no que a variantes e circunvalacións se refire suman case setenta quilómetros de novos viais e implican un orzamento de case 425 millóns de euros. No Plan MOVE están recollidas outras oito actuacións que suman case trinta quilómetros e que implican un investimento de 65 millóns de euros. A estas infraestruturas hai que engadir outras variantes de poboación planificadas na rede de articulación territorial e que están articuladas sobre aquelas travesías cun tráfico superior a 4.000 vehículos ao día e travesías con problemas de seguridade vial.

En definitiva e a modo de resumo, no conxunto da Comunidade Autónoma Galega poranse en servizo 114 quilómetros de variantes e circunvalacións que suman un investimento en obra pública de 553 millóns de euros. Ás actuacións que están en obras e ás proxectadas hai que engadir os 18,49 quilómetros postos en servizo no que vai de lexislatura do actual Goberno autonómico presidido polo popular Alberto Núñez Feijoo.