A Xunta aproba as axudas para o novo miradoiro de Sober

Francisco Albo
francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

A reforma do antigo Cotarro I será financiada con 176.000 euros

08 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O Consello da Xunta aprobou onte a sinatura dun convenio co Concello de Sober que permitirá financiar con 176.000 euros a reforma do miradoiro Cotarro I -que a partir de agora será denominado Cividade-, na parroquia de Bolmente. A intervención será sufragada con axudas do programa Feder e do Fondo de Compensación Interterritorial. O acordo establece que a Consellería de Cultura e Turismo se encargará de contratar os informes e proxectos e a dirección de obras para a reforma do miradoiro. Pola súa parte, o Concello de Sober porá a disposición da Xunta os terreos necesarios para as obras, un aspecto que o goberno local xa negociou cos propietarios das parcelas.

O obxectivo da actuación consiste en reformar a estrutura de formigón do miradoiro para substituíla por outra de madeira e aceiro corten, proxectada cun criterio escultórico e coa intención de integrala ao máximo na paisaxe tradicional do canón do Sil.

O proxecto inicial prevé a construción dunha plataforma de 33 metros de lonxitude, cunha anchura máxima de sete metros no seu extremo. Con esta estrutura salvarase un forte desnivel do terreo existente no camiño de acceso pouco antes de chegar ao miradoiro. O piso da plataforma será madeira de piñeiro nórdico. A estrutura elevarase a unha altura de catro metros sobre o solo.

A reforma, segundo a consellería, responde á finalidade de «potenciar o atractivo turístico e patrimonial deste enclave natural» e, dun modo máis xeral, á intención de «potenciar os recursos da comunidade impulsando accións que diversifiquen a oferta turística e de calidade nos municipios galegos». Os responsables deste departamento consideran que o novo miradoiro engadirá un importante atractivo estético a unha zona caracterizada pola súa espectacularidade paisaxística.