Recollen en Sober testemuños da cultura tradicional dos viñedos

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Unha asociación local aportará gravacións ao Atlas del Vino

06 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A asociación cultural soberina O Colado do Vento está reunindo testemuños orais sobre a cultura tradicional do viño entre os veciños de máis idade dos municipios da denominación de orixe Ribeira Sacra, unha iniciativa coa que este colectivo colabora no proxecto Atlas del Vino, que conta con financiamento do Ministerio de Cultura. O traballo concluirá en xuño do ano próximo e poderá incluír as achegas particulares de todas as persoas que queiran cooperar na iniciativa.

A finalidade consiste en reunir a maior cantidade posible de información sobre os usos e as técnicas tradicionais relacionados co cultivo da vide e a elaboración do viño, así como calquera outra manifestación cultural vinculada a estas actividades.

Podas e vendimas

Aínda que o traballo está nunha primeira fase, os membros do Colado do Vento que toman parte no proxecto xa tiveron ocasión de recopilar -entre outros materiais- unha serie de práticas e saberes sobre a influencia dos ciclos lunares nas podas e nas vendimas. As persoas que queiran colaboran nesta campaña de recolla de datos poden poñerse en contacto coa asociación -no correo electrónico coladodovento@gmail- se saben «de viñateiros a quen entrevistar ou de aparellos usados na viticultura tradicional», apuntan a modo de exemplo desde este colectivo.

Ademais de colaborar no proxecto Atlas del Vino, O Colado do Vento pensa aproveitar o traballo realizado para elaborar a súa propia recopilación de datos sobre a cultura vitícola tradicional, que denominan «o noso propio caderno do viño».