«É complicado seguir o rastro dos xudeos monfortinos»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Aira falou nunha conferencia acerca da antiga comunidade hebrea da cidade

29 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Felipe Aira participou onte como relator no curso sobre as xudarías galegas que imparte a Uned en Monforte e Ribadavia. Aira falou no Centro do Viño da Ribeira Sacra acerca da historia da comunidade hebrea local, sobre a que ten publicado varios traballos.

-¿É difícil estudar a historia dos xudeos de Monforte?

-É complicado seguir o seu rastro, porque a documentación é escasa e a que hai está dispersa en moitos lugares diferentes. Eu investiguei nos arquivos das parroquias de Monforte, da diócese de Lugo e do Palacio de Liria, no Archivo Histórico Nacional... Ademais, para estar seguro de que un determinado documento fala de xudeos, ten que haber unha referencia expresa á condición de xudeo desa persoa. Os apelidos e os nomes en si mesmos non valen para identificar a alguén como xudeo, porque os xudeos usaban os mesmos que os cristiáns.

-¿Que tipo de documentos son os que aluden aos xudeos?

-Sobre todo os documentos de foros, é dicir, de arrendamentos de propiedades, que ás veces indican expresamente que un dos contratantes é xudeo. Despois do decreto de expulsión de 1492 houbo conversos monfortinos que foron perseguidos pola Inquisición e tamén hai documentación sobre eles. Foi o caso da familia Gaibor, que sufriu a persecución a pesar de que algúns dos seus membros ocuparon cargos importantes ao servizo dos condes de Lemos e de que polo tanto eran dunha categoría social e económica bastante elevada.

-¿Podemos facernos unha idea do tamaño que chegou a ter a comunidade hebrea local?

-Todo indica que foi máis ben pequena. En todos os documentos anteriores á expulsión que cheguei a reunir hai referencias, cando moito, sobre un par de decenas de familias xudías. É imposible saber cal era a porcentaxe de poboación xudía nun determinado momento histórico, porque tampouco sabemos cantos habitantes tiña Monforte nesas épocas.

-¿Sábese onde vivían esas familias?

-Vivían repartidas en diversos puntos do que era entón o núcleo urbano de Monforte, que se limitaba ao monte de San Vicente e o seu entorno inmediato. A tradición popular que di que había unha xudaría na actúal rúa Abelardo Baanante ou Calexa non ten ningún fundamento histórico. Un documento de 1462 indica que a casa dun xudeo chamado Isaac Chamizo estaba entón na rúa Nova, que é a actual Calexa. Pero tamén hai datos desa mesma época sobre familias xudeas que vivían na rúa Zapatería, na rúa Falagueira ou na rúa dos Ferreiros, que corresponde á parte superior da actual praza de España. É dicir, non estaban concentrados nun lugar determinado, senón que vivían espallados por todos os barrios, exactamente igual que os cristiáns.

-¿Ten previsto publicar máis traballos sobre os xudeos monfortinos?

-Nos últimos tempos fun reunindo outros documentos que estaban sen publicar e teño interese en dalos a coñecer. O que me gustaría é reunir estes novos datos cos meus anteriores traballos, que fun publicando en diversos lugares en forma de artigos, e editalos nun pequeno libro.