Aprobado o proxecto de turismo xeolóxico no que participa o GDR Ribeira Sacra

MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

20 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino aprobou un proxecto de cooperación transnscional baseado no patrimonio xeolóxico no que participa o grupo de desenvolvemento rural Ribeira Sacra. O plano, que se desenvolverá entre este ano e o 2013, conta cun orzamento de 250.000 euros e ten por obxectivo fomentar a creación de emprego mediante a conservación e divulgación dos lugares de interese xeolóxico.

O proxecto será coordinado polo GDR Subbética Cordobesa e contará coa participación de Turespaña, o Instituto Geológico y Minero, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas e os parques xeolóxicos de Geogarapen (País Vasco) e Naturtejo (Portugal). Unha das súas principais finalidades é crear unha rede ibérica de xeoparques e potenciar as actividades turísticas en torno a estas paraxes.

O GDR Ribeira Sacra ten previsto incluír neste proxecto todo o curso do río Cabe, o pregamento de Campodola e os vales glaciares da Seara (Quiroga), a Cova das Choias e as minas de ferro da Veneira (A Pobra do Brollón), a fervenza de Augacaída (Pantón), o miradoiro do Cabo do Mundo (O Saviñao), a Serra da Pena (Bóveda), o meandro da Cubela e as minas auríferas de Ribas do Sil e os diversos miradoiros do canón do Sil.

As actuacións previstas no proxecto comprenden a creación dunha páxina de Internet e a edición de diversos materiais divulgativos e promocionais para dar a coñecer este patrimonio natural.