«O diñeiro de Belesar e a enerxía eólica ten que repercutir aquí»

Carlos Cortés
carlos cortés CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

Piñeiro cre que o Concello debe tirar proveito da ampliación da presa

13 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Estreouse como candidato hai catro anos e o resultado permitiulle ao BNG chantadino xogar un papel decisivo no mapa político local. Casado e con tres fillos, Alfonso Piñeiro cumprirá 50 anos o día 20, xusto cando remata a campaña electoral na que a súa formación confía en volver dar a sorpresa para asumir maiores cotas de poder.

-Na presentación da súa candidatura foi moi duro cos seus socios de goberno. ¿Están vostedes arrepentidos do pacto co PSOE?

-Os pactos debense cumprir. Hai que facelos sempre con garantías de que o pactado vaia adiante.

-¿Fixeron moitas renuncias durante este mandato?

-Si, pero é que nas coalicións nunca podes aplicar todo o teu programa electoral. Hai un acordo básico, e ese si que ten que ir ata o final.

-¿A que non renunciarán nos próximos catro anos?

-Estes catro anos déronnos experiencia suficiente como para que o Bloque poida aspirar a cotas máis altas, pero aínda con maioría absoluta seguiríamos dialogado coas demais forzas políticas en cuestións beneficiosas para Chantada. É moi importante para nós a promoción económica e a creación de emprego. O Concello non debe renunciar a apoiar proxectos rendibles, grandes ou pequenos. Apostamos polo futuro. Chantada ten potencialidade e o Concello ten que ser aliado dos sectores productivos. Nisto temos que ser belixerantes, aí está o futuro. Asentamos as bases coa ampliación do polígono...

-Que ao final non deron acabado dentro do mandato.

-Os trámites burocráticos son eternos. Pero nós levamos catro anos, e outros en moito máis tempo non foron quen de facer nada. Cando chegamos había cero metros cadrados de solo industrial, e en catro meses teremos 120.000. O Concello non é xerador de emprego, pero si ten que ser potenciador. Con rebaixas fiscais para as empresas que se instalen aquí, e incluso vencellando a concesión de obras á creación de postos de traballo en Chantada.

-Pero o Concello necesita recadar.

-Si, pero non é preciso cargarlle sempre aos cidadáns. Unha maneira de conseguir cartos é que os máis poderosos paguen. Aquí estanse levando moito diñeiro coa presa de Belesar e cos parques eólicos.

-¿E como se lles pode sacar máis cartos?

-Belesar está sendo reformado, pois iso ten que repercutir en Chantada. Haberá que estudar a maneira, quizais mediante unha taxa ecolóxica.

-Nunha soa frase, ¿por que deberían votar por vostede?

-Porque cremos nas potencialidades de Chantada, e que Chantada ten capacidaee para dar traballo ás súas xentes.

alfonso piñeiro candidato do bng á alcaldía de chantada