Descubren en Bolmente un novo grupo de insculturas rupestres
24 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Un achado casual na parroquia de Bolmente acaba de incrementar o patrimonio arqueolóxico do municipio de Sober. O pasado sábado, Manuel Verao, membro da asociación cultural O Colado do Vento, descubriu un conxunto de petróglifos cando paseaba polos arredores do lugar de Outeiro. As insculturas encóntranse no monte do Coto, nun lugar coñecido como Laxa da Carreira, nome que se debe probablemente ao propio penedo granítico onde están gravadas as figuras, ata agora sen catalogar.
Os gravados consisten nunha serie de pequenas incisións circulares do tipo coñecido como coviñas ou cazoletas. Segundo explica Alfonso Campos, membro da referida asociación, na rocha poden contarse ata cerca de sesenta coviñas, moitas delas unidas por unha serie de sulcos ben visibles en forma de u. «O máis curioso son estes sulcos, porque non se ven nos demais petróglifos que están inventariados nesta zona», precisa. O conxunto de deseños parece orientarse en dirección ao sur.
Campos sinala que este é o primeiro grupo de petróglifos que se descubre na parroquia de Bolmente, pero hai sospeitas fundadas de que na zona poden existir máis gravados rupestres. «A tradición oral fala de varios penedos con marcas que segundo algunhas lendas son as que deixaron as ferraduras do cabalo de Santiago ao dar un gran salto, e segundo outras son simplemente dun cabalo mítico sen especificar», comenta. A asociación cultural recolleu na parroquia cerca de quince relatos deste tipo, que normalmente están relacionados coa existencia real de gravados rupestres.
Búsqueda díficil
Os membros do colectivo non conseguiron localizar ningún deses supostos petróglifos na parroquia, pero pensan seguir buscando aínda que o labor non parece doado. Algo semellante sucede noutras partes do municipio, onde tamén existen referencias orais de diversas pedras con gravados que polo momento non foi posible encontrar.
O despoboamento dos núcleos rurais e o abandono de moitas terras de labor e de pastoreo durante as últimas décadas, apunta Alfonso Campos axudou a que algúns destes monumentos quedasen ocultos pola maleza e fixo tamén que se esvaísen os recordos sobre a súa ubicación. «Hai veciños que lembran que en tal ou cal sitio había pedras con círculos ou coviñas, pero non saben indicar o lugar exacto porque xa levan moitos anos sen frecuentar eses lugares e por iso hoxe quedan petróglifos que son difíciles de localizar, aínda que sabemos con certeza que existen», engade.