Un amigo dos campos abertos

La Voz

LEMOS

22 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Aínda que o nome de moucho é utilizado popularmente para designar todo tipo de rapaces nocturnas, só se aplica en sentido estrito á especie «Athene noctua». O moucho (en castelán, mochuelo) diferénciase doutras especies do mesmo grupo, como a coruxa e a avelaiona, polo seu menor tamaño -uns 26 centímetros de altura máxima-, as súas cellas claras e ben marcadas e os seus ollos amarelos. Está presente en todo o centro e o sur de Europa, o norte de África e grande parte de Asia. Foxe das áreas boscosas pechadas -incluíndo os eucaliptais- e prefire vivir en zonas agrícolas de tipo tradicional. Caza roedores, paxaros pequenos, insectos e vermes. Aínda que é de hábitos nocturnos, non é excepcional velo tamén de día, pousado en postes ou tellados. De noite desprázase polo aire de forma máis ben rectilínea, pero de día o seu voo é ziguezagueante. Os ornitólogos estiman que en Galicia viven como mínimo en torno a 1.060 parellas nidificantes.