Memorias do entroido en Sober

Francisco Albo
francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O municipio contou ata o século pasado cun rico folclore de carnaval

23 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

En diversas localidades de Sober consérvase con entusiasmo a tradición do compadres e na maioría das vivendas da zona séguense preparando o prato local máis típico do entroido, o doce coñecido como tripón, enchido ou vexiga. Pero estas manifestacións son só unha parte da rica tradición carnavalesca do municipio, perdida na súa maior nas últimas décadas do século pasado, da que aínda hai moitas pegadas na tradición oral e en diversos documentos.

A asociación cultural O Colado do Vento recopilou unha parte destas tradicións, ás que se lle dedicou unha pequena publicación no ano 2000. «Desde entón recollimos máis cousas, pero para facer unha recopilación sistemática necesitaríamos máis persoal e máis tempo», apunta Alfonso Campos, membro deste colectivo. Moitos destes costumes festivos mantíveronse vivos ata os anos 50 e 60 e acabaron desaparecendo a causa do despoboamento provocado polas grandes emigracións da época.

Entre as tradicións esquecidas figuran unhas representacións teatrais similares ás que aínda se onservan no entroido ribeirao de Chantada e no de Salcedo, na Pobra do Brollón, que reciben respectivamente os nomes de oficios e disfraces. Segundo explica Campos, «ademais destes pequenos espectáculos, en certas épocas houbo unhas representacións teatrais máis complexas e en Proendos incluso había un grupo que se encargaba de organizalas, que se facía chamar Compañía Urruti».

Folións e figuras típicas

Máis antiga aínda parece a tradición dos folións de entroido, que consistían en desfilar cos bonecos dos compadres e comadres ata un lugar alto -normalmente un castro-, levando fachós ou antorchas de palla. A celebración remataba coa queima dos compadres.

No folclore local do entroido figuraban tamén algúns personaxes típicos, representados habitualmente polos mesmos veciños. «En Proendos desfilaba o deus Momo e en Anllo tiñan uns personaxes chamados maragatos», sinala Campos.