As mensaxes místicas do románico de Chantada

Francisco Albo
Francisco Albo CHANTADA/LA VOZ.

CHANTADA

O escritor Xosé Lois García dedica unha obra ao estudo da simboloxía dos templos medievais do municipio

18 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O sábado, ás 19.30 horas, presentarase no hotel Mogay o primeiro estudo monográfico sobre o patrimonio románico chantadino. O autor de Simboloxía do románico de Chantada , o escritor e historiador chantadino Xosé Lois García, aplica nesta obra o mesmo método de análise da iconografía que utilizou nos seus anteriores estudos sobre as igrexas románicas de Pantón, Sober e o municipio portugués de Amarante.

A obra, editada polo servizo de publicacións da Deputación lucense, analiza dezasete igrexas, aínda que en cinco casos -Santa María de Arcos, San Vicente de Argozón, San Martiño de Mariz, San Fiz de Asma e San Tomé de Merlán- o estudo limítase a unhas breves notas, xa que estes templos só conservan algúns pequenos elementos de orixe románica, como unha porta, unha fiestra ou unha pía bautismal.

Os demais monumentos románicos estudados por García aparecen na obra agrupados en tres conxuntos ou rutas, en función da súa ubicación xeográfica. A denominada ruta do Miño comprende as igrexas de Santa María de Pesqueiras, San Salvador de Asma -coñecida popularmente como O Convento-, Santa María de Camporramiro e Santa María de Nogueira. O segundo itinerario, chamado «ruta interior», pasa polos templos de San Salvador de Brigos, San Cristovo de Fornas e San Paio de Muradelle. Na ruta do Faro figuran as igrexas de San Miguel do Monte, San Cristovo de Mouricios, Santiago de Requeixo, Santa María de Bermún e Santa Cruz de Viana.

Seguindo a liña dos seus traballos precedentes, García analiza pormenorizadamente a decoración escultórica conservada nestas igrexas para intentar decifrar o significado relixioso e moral que quixeron transmitir os seus autores, baseándose en numerosos estudos sobre a iconografía e a simboloxía románica e sobre a cultura medieval en xeral.

Motivos locais

A linguaxe iconográfica das igrexas medievais chantadinas, como as de todo o románico rural galego, comparte motivos comúns coa arte románica de toda Europa. Non obstante, García puntualiza que estas esculturas «están impregnadas da flora e fauna local e dunha temática popular que responde ao medio en que os templos están asentados». No caso das igrexas de Chantada, esta influencia local tradúcese na presenza reiteradas de motivos característicos como as cubas de viño ou as figuras típicas da da fauna fluvial.