Un plano de 1928 con ideas para rebautizar rúas en Chantada

Rodrigo Fernández
Roi Fernández CHANTADA.

LEMOS

Un vello mapa revela numerosas denominacións para un rueiro que o tempo e o franquismo acabaron cambiando

03 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai documentos históricos que poden botar unha man no proceso aberto para rebautizar rúas de Chantada. É o caso dun vello plano da vila editado por A. Martín, de Barcelona, que deixa un claro testimonio de nomes que hoxe xa non figuran no rueiro, a excepción do antiguo deputado en Cortes Leonardo Rodríguez e do arquitecto Luciano Travadelo.

No caso da rúa adicada a Luciano Travadelo, o mapa feito en Barcelona no 1928 revela que daquela era máis grande que hoxe, porque collía unha parte da actual avenida de Monforte e outra da de Ourense. Por certo, e xa que hai algunhas semanas alguén prguntaba por el neste xornal, Luciano Travadelo era un destacado arquitecto lucense, ao que entre outras cousas se lle debe a porta da Estación na muralla de Lugo, alá polo 1918.

A actual praza de España, popularmente coñecida como o Cantón, chamábase naquela época praza da Constitución. A rúa da Paz era a que máis tarde o franquismo rebautizaría como Alemania, na honra do III Reich. Polo demais, a rúa do Comercio correspóndese coa actual Dos de Mayo; a carretera de Santiago é a que hoxe leva o nome do Alférez Baanante; plazuela de Oriente o que hoxe é o comezo ancho de Calvo Sotelo; Avelino Vázquez a actual avenida de Ourense dende a praza de Santa Ana ata a praza de Buen Jesús ou Catro Camiños, como lle chama todo o mundo.

Xa aparece a ponte nova

 Resulta tamén curioso ver no mapa o pequena que era a vila naquel tempo. En todo caso, xa apuntaba medrar, pois xa se pode ver nel a nova ponte da estrada de Ourense. Tamén aparecen a localización do vello cemiterio que moitos acordamos, o xulgado de primeira instancia na rúa Luciano Travadelo, o xulgado municipal na praza de Buen Jesús; a canle do río e o regato de Redondelle e o do Monte Redondo, os dous afluíntes do Asma que atravesan Chantada; a vella construción que quixo ser unha igrexa ao pé da estrada de Lugo debuxada cun cadrado solitario; ou o aldeón Costaña (calificativo usado por Costa Figueiras na súa pouco coñecida novela Chantadina ) separado notoriamente do casco urbán.

Pero é a Congostra das Escurruchas, o nome máis esquecido que podemos atopar dunha rúa de Chantada. Trátase do calexón que aínda hoxe dá servizo ás hortas entre o río e a casa de Formoso Lamas e a rúa Dos de Mayo.

E de preservar nome e documentación encargouse tamén o xa nomeado escritor Xose Costa Figueiras nuns apuntes inéditos do ano 1958 para a descripción da casa de Moure. «Camino entre el río y la parte posterior de las casas de la izquierda de la calle principal», trataríase para máis concreción da pequena rúa que parte da Alameda e que pasa por tras das casas que daban á beira ata o solar do marqués de Valladares e conducían á leira coñecida co nome de Uña do Gato, que según contan chegaba ata Zaquín. A rúa, que se chama travesía de José Antonio e é o principal acceso a piscina municipal, podería levar hoxe en día calquera deses dous nomes.

Aínda que para poñer nomes sobre o tapete de xogo do plano do rueiro, primeiro era mellor unificar os criterios para elixilos, porque aínda parecen non estar moi definidos.

De cousas e persoas

Nomes para rebautizar, poñer a novas rúas ou sinxelamente cambiar, hainos e é labor do pobo recuperalos, sexan de cousas ou persoas: Benito Rivadulla Pascual (editor dun xornal local), Modesto Vázquez Yebra (labor filantrópico de asilo), Xosé Costa Filgueiras (editor doutro xornal local e autor de Los Agros de Sureda )ou o polifacético Ángel Gómez Montero. Tamén o máis cercano no tempo Jesús das Bicicletas (as xeracións dos 60 e dos 70 ben sabemos por que merecería unha rúa), Xosé Castro Veiga (o derradeiro maquis) ou comodamente Estrada de Lalín para avenida de Portugal, máis que nada porque esa sería a última dirección que colleríamos para visitar a Lusitania.