O castro de Castelo arderá de novo o vindeiro martes

Natalia Díaz MONFORTE/LA VOZ.

LEMOS

Un ano máis o castro de Castelo, en Taboada, será rodeado con fachos para logo facelos arder á medianoite. Será o vindeiro martes na tradicional Queima de Fachas de Castelo, que como xa é habitual se celebra o 7 de setembro.

A celebración, declarada pola Xunta festa de interese turístico a finais do 2008, comenzará a partir das once e media da noite. Será nese momento cando os membros da comisión organizadora, axudados de pértegas, lle prendan lume aos fachos colocados en fila seguindo o perímetro do castro de Castelo, que conta xa con máis de dous mil anos de antigüidade.

Antes de producirse a queima, o grupo de gaitas Os D'eiquí tocarán como preámbulo da cea popular que se celebrará ás 21.30 horas e na que poderán participar todas aquelas persoas que o desexen. O prezo será de quince euros para os socios da asociación cultural As Fachas e de vinte euros para os non socios. A continuación, dará comezo no campo da festa a verbena, que será amenizada pola orquestra Philadelphia.

Os fachos foron empregados tradicionalmente para alumearse nas festas e naqueles acontecementos nocturnos celebrados ao aire libre. Tamén para alertar a outros castros dalgún perigo inminente ou para anunciar certos acontecementos. O caso é que os impulsores desta festa relacionan a queima con antigos ritos precristianos.

Inicio dos preparativos

Os creadores das fachas comezarán hoxe a recoller as ramas dos agucios, os arbustos cos que se elaboran as fachas que se queimarán o día sete. As ramas empregadas na confección dos fachos serán entrelazadas de tal xeito que tarden moito en arder e que ambos os dous extremos dos agucios queden totalmente ocultos.

Os festexos continuarán na parroquia de Castelo o día oito, coa orquestra Emperadores e o día 9 coa actuación da orquestra Pontevedra, que será a encargada de marcar o fin de festa.