En Salcedo, o teatro non é só para as noites de Entroido

Natalia Díaz MONFORTE |

LEMOS

A asociación veciñal da parroquia preparoun un amplo programa de actividades culturais e de ocio para agosto

01 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A asociación veciñal de Salcedo afronta unha nova etapa logo do cambio de directiva que tivo lugar no mes de maio. Dende a nova directiva, con Alberto González á cabeza, confesan que teñen moitas ideas e que «están comezando a facer realidade as cousas que ten cada un ten pensadas». Para empezar, onte presentaron o calendario de actos para agosto, un período no que pretenden ofrecer variadas actividades de ocio -representacións teatrais, obradoiros, proxeccións cinematográficas e exposicións- aos veciños e ás numerosas persoas que pasan as vacacións nesta parroquia da Pobra do Brollón.

Entre os pratos fortes figuran a recreación da malla, que terá lugar o día 21 de agosto na aira do Concello a partir das 17 horas, e o xantar do socio, un acto de confraternidade entre todos os veciños que se celebrará o día 28 ás dúas da tarde no local multiusos coa actuación da charanga da escola naval de Marín. Pola noite, a partir das 22 horas, os membros da asociación veciñal de Salcedo representarán unha obra creada por eles. Ao longo de agosto, por outro lado, todos os venres proxectarase unha película no local multiusos a partir das 22 horas.

Unha parte importante da programación será ocupada polo teatro de afeccionados, que conta con grande tradición nesta localidade, onde os veciños organizan desde hai décadas unhas populares funcións cómicas que atraen a centos de espectadores durante o Entroido.

Funcións

O domingo será o día adicado ao teatro. As funcións comezarán hoxe ás 22 horas coa representación da obra A voda , a cargo da compañía Atrezzo Teatro. O vindeiro domingo, á mesma hora a compañía Escoitade subirá ao escenario coa obra Longa vida a Martiño de Güimil . O domingo 22, o teatro será substituído pola proxección do partido Madrid-Barça, pero as representacións voltarán o día 29 coa obra Portus Veneris, da man da compañía Asociación Teatral Carfax.

Por outra parte, o xoves 12 impartirase un obradoiro de técnicas fotográficas do século XIX. O mércores 18 haberá un obradoiro de coiro e o xoves 19, outro sobre baile galego. Outro de expresión musical terá lugar o luns 23. O horario dos obradoiros é de 11 a 13 horas e de 17 a 20 horas. Para anotarse é preciso chamar ao teléfono 679 049 058. A data límite de inscrición é tres días antes do comezo de cada obradoiro.