Entre os usuarios das rutas, segundo Alfonso Campos, hai habitualmente un certo número de afeccionados ao románico que visitan con frecuencia este tipo de monumentos. Outros, en cambio, son turistas sen especiais coñecementos de historia da arte que se interesan en xeral por todos os atractivos que poida ofrecer a comarca. Tanto uns como outros -engade Campos- sorpréndense ao descubrir estes conxuntos monumentais, aínda moi pouco coñecidos no resto de Galicia e fóra dela. «Incluso aos que son entendidos en románico chámalles moito a atención encontrarse con exemplares tan notables como San Paio de Diomondi, por exemplo, que aínda están pouco divulgados a pesar da súa importancia», comenta.
Outro aspecto que impresiona moito aos visitantes é a espectacularidade do entorno paisaxístico que rodea moitos destes templos. «As paisaxes que poden verse desde Santo Estevo de Ribas de Miño ou San Xoán da Cova cáusalles tanta sorpresa ou máis que as propias igrexas», sinala Campos. No lado negativo -agrega- está a mala impresión que producen nos visitantes as patentes deficiencias das sinalización das estradas, a pesar das melloras realizadas neste aspecto nos últimos anos.