O programa de visitas guiadas iniciado a principios de xullo están atraendo cada vez a máis visitantes
31 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.As visitas guiadas ás igrexas románicas de Pantón, Sober e O Saviñao, encadradas no plano de promoción do agroturismo impulsado pola Universidade de Vigo e a Deputación, van atraendo cada vez máis visitantes conforme avanza o verán. Se as primeiras xornadas -a principios de mes- apenas tiveron participantes, a cifra aumenta pouco a pouco a medida que a iniciativa vai sendo máis coñecida.
Segundo explica Alfonso Campos, coordinador das actividades deste programa turístico, o número de participantes é aínda modesto, pero mostra un crecente interese por estas rutas. «A que máis visitantes atrae é a de Pantón, á que asistiron vinte e dúas persoas a pasada fin de semana -comenta-, pero tamén están despertando moito interese as dos outros municipios».
Unha boa parte dos usuarios das rutas, por outro lado, deciden aproveitar ao máximo esta novidosa oferta que permite visitar ao mesmo tempo trece igrexas medievais da Ribeira Sacra lucense e inscríbense na mesma fin de semana nos tres itinerarios programados. Para algúns deles, que xa coñecían previamente a zona, o principal interese está en poder ver en detalle o interior duns templos que ata agora tiñan que conformarse con admirar por fóra. «O outro día, un visitante de Ferrol dicía que pasara moitas veces por diante da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño e que ata agora nunca a puidera ver por dentro», sinala Campos.
Puntos de encontro
As persoas que queiran participar poden informarse ou inscribirse previamente por teléfono ou por Internet, pero este requisito non é necesario. Basta con que os visitantes -que deben levar os seus propios vehículos- se presenten nos puntos de inicio de cada ruta antes de comezar os itinerarios. En Pantón, os percorridos comezan os venres ás 16.30 horas; en Sober, os sábados ás 10 horas na vella estación de Canaval e no Saviñao, os domingos á mesma hora ante a casa consistorial de Escairón. O teléfono de información é o 646????533????229 e a páxina web -que será renovada a semana próxima-está no enderezo Agroturismoterradelemos.gl.
En vista da crecente demanda que están tendo estas rutas experimentais, Alfonso Campos pensa que «os concellos e outras institucións deberían esforzarse por promocionar todo o románico da zona como un conxunto e non limitarse a estes tres municipios, porque hai outros como Chantada ou mesmo Monforte que tamén teñen cousas moi interesantes que mostrar neste aspecto».