A Pobra declárase contraria ás corridas de touros co apoio dunha concelleira do PP

Natalia Díaz MONFORTE/LA VOZ.

LEMOS

14 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Concello da Pobra do Brollón declarouse municipio en contra das corridas de touros e «amigo dos animais». Fíxoo no pleno do pasado venres ao votar os socialistas e unha concelleira do PP a favor dunha moción presentada polo BNG. A Pobra do Brollón únese así a outros concellos galegos como Dodro, Cangas ou Vedra que no seu día tamén se declararon contrarios ás corridas de touros. A concelleira do Partido Popular que votou a favor da moción, Oliva López González, sinala que se trata dunha opinión personal e que non vai en contra do seu partido. «Son moi sensible a todo o que se refire ao mundo animal e polo tanto son contraria a calquera sufrimento que poidan padecer os animais», explica. E engade «nos tempos que corren a sociedade tenta que as persoas morran con dignidade, por qué non facelo cos animais».

Presupostos 2010

No pleno, o equipo de goberno municipal tamén aprobou os presupostos para o exercicio 2010. Á diferencia doutros concellos da zona, os orzamentos deste ano experimentarán unha leve subida, pese á «redución das aportacións por parte da Xunta de Galicia e dos recortes do plan de cooperación local, do que A Pobra só recibirá 40.000 euros, fronte aos 250.000 do ano pasado», sinalou a tenente de alcalde, Adoración Fernández. Con todo, o importe ascende a 1.770.534,25 euros. Nesa cifra están incluídos os fondos pertencentes ao plan E. «Sen esa axuda, os orzamentos quedarían reducidos a un millón de euros», apuntou Adoración Fernández. No ano 2009 o Concello contou con 1.544.000 euros, nos que tamén estaba incluída a aportación do plan E.

Por outra banda, PP e BNG presentaron cadansúa moción contra os recortes sociais impulsados polo goberno central en maio. Os concelleiros do PSOE votaron en contra, xa que consideran oportuna e necesaria «a redución deses servizos tendo en conta a tesitura económica» e incluso propuxeron que todos os concelleiros aplicasen un desconto do 5% nas retribucións económicas que reciben por asistir a plenos e demais actividades derivadas da súa labor no Concello. A proposta non convenceu ós populares e ós nacionalistas, que a rexeitaron. Aínda así, os concelleiros socialistas que integran o equipo municipal decidiron levala a cabo. Adoración Fernández, Montserrat Macía e Javier González renuncian deste xeito ao 5% do que cobran pola súa actividade municipal.