A curta «As almas do Fental» será proxectada nuns 300 institutos da comunidade

La Voz CHANTADA/LA VOZ.

LEMOS

09 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

As almas do Fental

, a segunda curtametraxe do realizador chantadino David Vázquez, será proxectada en arredor de 300 institutos galegos. Formará parte dunha mostra de curtas galegas que vai organizar a Cordinadora galega de equipos de normalización lingüística no vindeiro ano académico para ofrecerlle aos institutos da comunidade galega como unha actividade extraescolar. O obxectivo do ciclo é prestixiar a lingua dende o eido audiovisual, con produtos de calidade que resulten atractivos para os rapaces. De aí que opten por fuxir das rixideces academicistas e amosen outros campos onde o galego serve para acadar produtos interesantes.

Con este proxecto tamén se pretende fomentar a cultura audiovisual dos nenos, así como o coñecemento dos profesionais do sector do seu entorno máis próximo. As almas do Fental trata sobre un dobre abandono, o que afecta ao rural galego, por un lado e polo outro, o que sofren os nosos maiores.

O único intérprete da curtametraxe é o actor Fernando Morán, coñecido polos seus traballos en series televisivas como Matalobos , Padre Casares ou As leis de Celavella e nos filmes Pradolongo e Os mortos van á presa . En As almas do Fental , o actor galego interpreta a Xosé, un señor maior que vive no Fental, unha aldea do interior de Galicia que está a piques de quedar baleira.

A curtametraxe do chantadino David Váquez xa fora seleccionada para participar no Festival Internacional de Cine Pobre de Humberto Solás, en Cuba, e tamén participou nos premios Mestre Mateo. Estreada no ano 2009, foi gravada na parroquia de Santiago de Arriba e dura once minutos.