O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Chantada continúa en fase de revisión de alegacións. O equipo redactor do proxecto traballa dende meses examinando as alegacións presentadas polos veciños e conta ter lista a nova versión do plan antes de que remate este ano, co fin de que poida ser aprobado provisionalmente pola corporación municipal antes de que comece o 2011.
En abril de este ano, xa se revisaran 117 alegacións e os redactores do proxecto pedían tres meses máis para finalizar a revisión das outras catrocentas.
Parte das alegacións presentadas polos veciños correspóndense con erros materiais. Outras son peticións de clasificacións distintas ás contempladas no avance do PXOM. Presentáronse un total de 530 alegacións, das que unha parte importante serán tidas en consideración e incluiranse na nova versión do plan, segundo indicou un dos membros do equipo redactor, o arquitecto Alfonso Botana.
Segundo Botana, o equipo redactor traballa a bo ritmo pero está pendente de varios informes doutros organismos necesarios para dictaminar algunhas das alegacións, «o que non impedirá que o novo proxecto se poida aprobar provisionalmente antes de finalizar o 2010».
Unha vez estea lista a nova versión e a corporación local lle dea o seu visto bo, o Concello terá que enviar o novo proxecto á Xunta de Galicia, que disporá de tres meses para emitir a súa aprobación ou rexeitamento.
O PXOM de Chantada, aprobado inicialmente en agosto de 2009, contemplaba, entre outras, a posibilidade de construir 3.813 vivendas e unha superficie de 318.242 metros cadrados dedicados a espazos verdes.