O Filandón do Courel xa é festa de interese turístico

Francisco Albo
Francisco Albo QUIROGA |

LEMOS

Os festival de música tradicional homenaxeará este ano á cantora Elvira Touzón e ao poeta Uxío Novoneyra

03 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Filandón de Músicas do Courel acaba de obter a categoría de festa de interese turístico e cultural, un recoñecemento que os organizadores deste festival de música tradicional levaban solicitando á Xunta desde hai varios anos. A concesión desta categoría coincide cos preparativos da décima terceira edición do Filandón, que se celebrará o 8 de agosto na ferrería de Seoane.

Segundo explicou Xosé Lois Foxo, principal responsable da organización, o festexo estará dedicado este ano á figura do poeta courelao Uxío Novoneyra. Os promotores do festival queren contar coa participación dalgún dos músicos galegos que fixeron composicións baseadas nos poemas do protagonista do último Día das Letras Galegas, pero por agora non se acordou nada concreto a este respecto.

Na nova edición do Filandón, por outro lado, prestaraselle especial atención ás tradicións musicais propias do municipio leonés de Oencia, un0 territorio de lingua galega que ten un forte parentesco cultural coa Serra do Courel.

Dous días antes do festival -o 6 de agosto, ás 12.30 horas- inagurarase en Santa Eufemia un monumento en honor da cantora popular Elvira Touzón Quiroga, considerada como «a avoa do Filandón», que cumpríu recentemente 101 anos. O monumento consiste nunha escultura que está sendo realizada polo artista Francisco Escudero e a iniciativa foi sufragada mediante unha suscrición popular. Elvira Touzón achegou 133 cantares tradicionais á serie de libros e discos Músicas do Courel , que recopilan o patrimonio musical da serra.

O programa do Filandón, por outra parte, será moi similar ao de anos anteriores. A xornada comezará ás 14 horas cun misa de campaña, seguida dun xantar popular. As actuacións musicais serán anunciadas co xa tradicional toque de corno ás seis da tarde e continuarán ata a noite.