«A Revolución dos Craveis supuxo unha abertura total, un cambio radical»

Laura Ramos Cuba BURELA/LA VOZ.

LEMOS

A pintora mozambiqueña, mestra no IES Monte Castelo, fai repaso da súa vida

18 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Atópome con Helena Fidalgo na aula de debuxo do IES Monte Castelo, no que actualmente imparte clases ao Bacharelato de Artes. Nacida no Mozambique colonial, é neta de portuenses e de portugueses afincados en Goa (India). Gozou desde a infancia dun ambiente familiar aberto e acolledor. Cunha tía e un tío pintores, un tío poeta e un núcleo familiar amante da música, do teatro, dos espectáculos, das visitas a museos e exposicións..., tivo a estimulación precisa da súa creatividade e imaxinación.

O traballo de funcionario de seu pai obrigábaos a viaxar dun lado para outro, vivindo a cabalo entre O Porto e diversos lugares de Mozambique. Non adoitaban ficar máis dun curso escolar en cada sitio. Este feito, lonxe de disgustar a Helena, conformou a súa personalidade aberta e afábel cara o mundo. «O Porto pasou a ser o meu mundo de fantasía -conta-. A casa dos meus avós era enorme, con moita familia. Un piano, varias prantas. Todo un mundo para averiguar». Foi nunha desas viaxes á cidade portuguesa cando descubriu a escola de Belas Artes. «Era moi poética, víala dende o exterior, con todos os xardíns.... Dende pequena quixen ir a esa escola de Belas Artes estudar, ser pintora». Pasou o exame de acceso, mudouse ao Porto e pasou a vivir na casa de seu avó, un home «liberal e marabilloso» que lle permitiu montar o seu propio taller de pintura no salón, onde verter todo ese mundo fantasioso e imaxinativo que ela levaba dentro. O olor a pintura e a súa presenza tomaron o control da casa en pouco tempo.

Estudante no Porto

Alí reencontrouse cunha antiga compañeira algo maior e xuntouse co grupo do último curso, o que lle deparou experiencias moi ricas. Helena empapábase de todo o que a arrodeaba. Nunha das moitas viaxes que fixeron cruzou por primeira vez a raia e chegou a Galicia. Nunha actividade co profesor de Historia desprazáronse a Santiago de Compostela para coñecer o románico. Ela ficou prendada da capital. Foi, segundo relata, unha viaxe marabillosa, chea de música e conversas animadas.

A vida estudantil de Helena mudou totalmente o segundo ano de carreira, por mor da Revolución dos Craveis. «Foi unha abertura total, un cambio radical na escola. Mudaron os profesores, as materias... reestruturouse todo. Na revolución formábanse grupos e a escola, coa de Arquitectura, no edifico contiguo, abriuse colaborando con eles. Facendo cartazes, mobilizacións...». Tamén se sumou a un grupo de apoio aos moradores, para construír casas mellores para os seus habitantes.

Chegou á Mariña hai 30 anos

Na escola de Arquitectura coñeceu ao seu futuro marido: o arquitecto Xoán Casabella, do Valadouro, que logo retornou á Coruña para continuar estudos. Os pais de Helena tamén se viron influídos pola Revolución en Mozambique, que nese tempo alcanzou a independencia. Helena rematou os estudos e exerceu de docente en Santo Tirso, ao noreste do Porto. A experiencia foi moi gratificante. Durante o curso visitou por primeira vez A Mariña, con motivo da manifestación en contra da central nuclear de Xove. E despois marchou para a Coruña, para reunirse co seu marido. Logrou convalidar o título e empezou a dar clases en Galicia, que foi coñecendo de vagar, recollendo algas, areas ou estrelas de mar polas praias, coas que máis tarde faría collages . Eses collages conforman a exposición aberta na Casa da Cultura de Burela, Caminhando . Laura Ramos Cuba é alumna de primeiro de Bacharelato do IES Monte Castelo. Este é un extracto da entrevista que lle fixo á pintora .