Un centenar de autocaravanas participarán na apertura da nova área de servizo de San Clodio

La Voz

LEMOS

21 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

En torno a un centenar de autocaravanas participarán nas xornadas de inauguración da área de servizo creada polo Concello de Ribas do Sil para este tipo de vehículos, que se celebrarán a fin de semana. Polo momento está confirmada a participación dunhas noventa, pero espérase que outros afeccionados se sumen á convocatoria nos próximos días. En total, agárdase que se concentren na vila unhas 250 persoas.

O goberno local, que preparou unha serie de actividades en colaboración coa Asociación Galega de Autocaravanas, confía en que esta área de servizo sexa unha das máis visitadas de Galicia e que proporcione un considerable empuxe ao turismo no municipio. «Cremos que despertará moito interese entre os afeccionados polo seu entorno paisaxístico, que ao noso entender é bastante máis atractivo que a da maioría dos estacionamentos deste tipo», apuntou a este respecto o tenente de alcalde Roberto Castro. «En caso de que teña moito éxito, estudaríamos unha ampliación, porque o Concello conta con máis terreos no entorno da praia fluvial que poden servir para esta fin», agrega.

Por agora, a área só ten espazo para tres vehículos, pero en opinión dos responsables municipais pode atraer a un número moito maior de autocaravanas. «O que importa é ofrecerlles un punto onde poidan abastecerse de auga fresca e descargar as augas grises, porque despois poden estacionarse en calquera outro lugar», sinala Castro.

A nova área o será inaugurada ás catro da tarde do sábado polo alcalde Miguel Sotuela e por María Xosé Vega, responsable da área de Turismo da Deputación, que financiou con 24.000 euros a construción do estacionamento. O programa de actividades comprenderá visitas a diversos puntos de interese turístico do municipio.