O país dos 100.000 hórreos

LEMOS

Estudantes do instituto da Pinguela aprenden a fabricar maquetas dos tradicionais almacéns de cereal

20 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Sabe vostede cantos hórreos hai en Galicia? Hai que pensar que non, porque ese é un dato que non se coñece. Un censo encargado polo Ministerio de Educación nos anos sesenta apuntaba a posibilidade de que fosen non menos de 100.000. É unha cifra que hoxe cómpre revisar á baixa, pero é evidente que o hórreo é unha das nosas iconas tradicionais, ao nivel dos mil ríos dos que falaba Cunqueiro. Disto sabe ben Arturo Fernández Araujo, delineante, maquetista artesán e experto en hórreos, que esta fin de semana impartíu no instituto monfortino da Pinguela un obradoiro a estudantes de primeiro, segundo e terceiro da ESO.

Esta actividade desenvolveuse o sábado, fóra do horario lectivo, así que a participación era voluntaria. Participaron trece rapaces, que aprenderon que non só os hai en Galicia ou en Asturias, senón que tamén os teñen, coas súas propias características, no norte de Europa ou en África, que en concellos como Carnota ou Avión hai contabilizados ao redor de mil, que o hórreo galego é habitualmente delgado para evitar que apodreza o millo que queda no medio, ou que a primeira representación gráfica dun dos nosos depósitos tradicionais de cereal aparece nas cantigas medievais de Alfonso X O Sabio.

Tradición oral

O obradoiro deste sábado na Pinguela arrancou cunha exposición teórica na que Arturo Fernández Araujo explicou nocións básicas sobre os distintos tipos de cereais e os fundamentos técnicos dos seus procesos de secado, empregou adiviñas para falarlles aos rapaces sobre a tradición oral que rodea ao mundo dos hórreos e exhibíu fotografías para explicar as principais tipoloxías.

No último treito da actividade, o monitor explicou como construír unha maqueta de hórreo. O obradoiro ten pendente unha segunda parte que se desenvolverá nas próximas semanas, máis centrada na elaboración das maquetas. Por poder, podería haber non só unha segunda sesión, senón unhas cantas máis. Ó dos hórreos é un mundo que dá moito de si. «Eu -di Arturo Fernández Araujo- levo trinta anos estudándoos, teño 10.000 fotografías e aínda non o sei todo».