A asociación Fonte do Milagre axudará a promover a a ruta de sendeirismo creada entre O Cebreiro e Quiroga
02 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A asociación Fonte do Milagro celebrou a última hora da tarde de onte unha asemblea xeral de socios na que se planificaron as principais actividades que este colectivo ten previsto realizar nos próximos meses, todas elas encamiñadas a promover o patrimonio histórico, natural da Serra do Courel. Unha das primeiras iniciativas consiste na novena edición da Festa da Serra, unha recreación etnográfica das técnicas tradicionais de serrado de troncos e fabricación de vigas, que se celebrará o 15 de maio na localidade de Ferreirós de Abaixo.
O colectivo planea por outro lado un recital de poesía dedicado a Uxío Novoneyra, do que aínda non se decidiu se se celebrará unha semana antes ou unha semana despois do Día das Letras Galegas. Fonte do Milagro, asimismo, colaborará na organización da marcha en homenaxe ao poeta do Courel que se levará a cabo no municipio o 9 de maio e que é promovida por diversas asociacións, co apoio do Concello courelao.
Por outra parte, Fonte do Milagre prevé organizar tres percorridos para dar a coñecer unha nova ruta de sendeirismo entre Pedrafita do Cebreiro e Augas Mestas, no municipio de Quiroga. Este itinerario, de 68 quilómetros, foi acondicionado recentemente pola asociación Santo Grial do Cebreiro e aproveita en boa parte -cerca de 37 quilómetros- os camiños tradicionais da Serra do Courel que os membros de Fonte do Milagro limparon e recuperaron durante os últimos anos.
A inauguración desta ruta celebrarase o 21 de maio e os percorridos que organizará a asociación courelá levaranse a cabo algo máis adiante, pero as datas aínda están por fixar.
A asociación pretende tamén seguir reclamando a creación dun parque natural no Courel, pero por agora non ten prevista ningunha actuación concreta neste terreo. «Hai xa moito que non sabemos nada do proxecto do parque e aínda non conseguimos reunirnos nin con representantes da Xunta nin do goberno localal para falar deste asunto», comenta Evaristo Méndez, presidente de Fonte do Milagro. «Sobre este cuestión só hai silencio», engade.