A pé desde Os Ancares ao Lor

C. López

AGRICULTURA

A asociación Santo Grial acondicionou un roteiro de longo percorrido entre O Cebreiro e Quiroga

14 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Castros, muíños, soutos, igrexas, ferrerías, pontes, miradoiros, penas, fragas e montes son algúns dos elementos que se van atopar os camiñantes que percorran a Ruta do Lor. Este roteiro de 68 quilómetros de lonxitude entre O Cebreiro e Augasmestas vén de ser sinalizado e acondicionado pola Asociación Santo Grial do Cebreiro, que colocou sinais de madeira e instalou merendeiros de pedra por todo este longo percorrido que discorre case paralelo ao cauce do río Lor.

O punto de partida desta ruta non podía ser máis significativo. Dende ese grande miradoiro que é Cebreiro, os que se aventuren por este percorrido poderán contemplar os cumes dos Ancares, por unha banda, e a conca do ría Navia, pola outra. Abundan ademais no inicio deste roteiro os bosques de faias, como o de Latas de Barxamaior ou da lagoa de Táboas, e mesmo as plantas de propiedades medicinais.

Deixando atrás O Cebreiro, a primeira paraxe que se atopa o camiñante é a da Fonte do Rei, que marca os lindes da parroquia de Liñares, cuxo nome moi probablemente obedeza a que foi o liño a base económica desta zona.

O muíño de Pedrodaira invita aos paseantes a facer un primeiro alto no camiño. Construído en 1923 polos donos da Casa de Pedrodaira, conta cun anexo para acoller ás cabalerías e aos carros que traían o grao ao muíño e levaban a fariña. Cinco quilómetros despois atópase o castro de Santalla, do que pouco se pode dicir, xa que están pendentes as autorizacións para levar a cabo as escavacións arqueolóxicas.

Ata chegar á igrexa de Esperante, os que percorran esta ruta poderán ir deleitando a súa vista cos soutos, como o de Mostade, ou coas cabanas, como as de Paparón. Estas construcións feitas con palla, madeira ou pedra, utilizábanse para gardar os apeiros de labranza, ou ben para gorecerse o gando nas épocas nas que ía pacer ao monte. Nesta zona da provincia lucense, as cabanas empregábanse máis ben para almacenar a herba e as castañas.