Terra cocida que se transforma en formas, luz e cor para dar vida a lendas e mundos fantásticos

L.R.I.

LEMOS

As coloridas árbores do bosque no que Merlín foi recluído por Vivian, a dama do Lago, forman un dos traballos máis espectaculares da mostra cerámica de Pérez Porto que ata o 28 de abril se poderá visitar na sala de exposicións do Pazo de San Marcos, en Lugo.

As máis de setenta pezas de terra cocida que a compoñen reflicten o espírito alegre e o misterio dun autor fascinado polas lendas e o mundo fantástico de Galicia, pero cos pés no real. A mostra inclúe obras desde os primeiros oitenta - Tamborileiro , 1983; Gaiteiro , 1982; Cantante , 1983- ata a actualidade, pero máis que unha evolución dá conta dunha constante creativa. «O que fixen desde o primeiro momento gústame, non me desgusta porque me valeu para dar un paso adiante», sostén o autor. Tamén forman parte dela un San Froilán e pezas de colección numeradas para Sargadelos. Un cruceiro policromado de tres metros de altura preside a exposición, que se despide cun vídeo duns dez minutos no que Pérez Porto explica como se montou a fonte dedicada a Castelao, que con 6 metros de altura dá a benvida ao Museo Carlos Maside.