«Eu de neno xa xogaba na moblería»

LEMOS

Os 40 anos de idade son frecuentemente tempos de cambio. Ao chantadino Manuel Vázquez pásalle. Acaba de estrear a corentena e de cambiar o seu traballo nunha xestoría pola dirección da tenda de mobles que inauguraron os seus avós alá por 1880. Chega con ideas renovadas. Para empezar, cambioulle a cara ao establecemento -que acaba de estrear un local novo con mil metros de exposición na avenida de Monforte-, e mudou a aposta tradicional polo moble clásico por unha oferta máis moderna.

-¿Cal é o segredo para que un negocio familiar dure 130 anos?

-Os meus avós tiveron nove fillos e a maioría quedaron solteiros. Levábanse ben entre eles, así que continuaron co negocio a medias.

-Dos negocios familiares dise que perigan ao chegar á terceira xeración. Non parece o seu caso.

-[Risas] De momento, non. A verdade é que me axudaron moito e me deron todas as facilidades. Por exemplo, o local novo está no baixo no que no seu momento estivo o aserradeiro Cabezas, que tamén era da nosa familia.

-Pero todo isto será novo para vostede.

-Si, pero non tanto. Eu de neno xa xogaba na moblería.

-¿En que se nota a súa chegada, ademais de no cambio de local?

-Cabezas foi sempre de moble máis clásico. Agora o 70% do que temos é moderno, e tamén introducimos rústico e infantil e xuvenil, aínda que mantemos algo de clásico, porque ten o seu mercado; e temos colchonería exclusiva coa marca Aspol.