A asociación cultural lucense prepara o seu propio calendario de homenaxes ao poeta do Courel
A medida que avanza o novo ano van surxindo diferentes iniciativas para homenaxear a Uxío Novoneyra que se desenvolverán á marxe dos actos oficiais que se encargará de organizar no Courel a Real Academia Galega con motivo do próximo Día das Letras Galegas. En días pasados xa se anunciou unha idea promovida en Internet por un grupo de admiradores do poeta que proxectan celebrar actos na súa memoria antes do 17 de maio. A asociación cultural lucense Lugopatrimonio tamén pretende desenvolver as súas propias actividades neste terreo, pero neste caso serán algo máis adiante, xa que non se levarán a cabo ata setembro.
O escritor Lois Diéguez, presidente de Lugopatrimonio, explica que o programa de actividades dedicadas a Novoneyra aínda está en fase de elaboración, pero adianta que unha das ideas que se barallan consiste en organizar un percorrido polo Courel que tomaría como base o texto de Os eidos , o libro máis famoso de Novoneyra. «Preferimos non organizar nada en maio, porque sería como demasiado ortodoxo facer algo no mesmo mes en que se celebra o Día das Letras Galegas, e optamos por deixar as nosas iniciativas para máis tarde, porque así tamén contribuiremos a que as homenaxes a Uxío Novoneyra se prolonguen durante todo o ano», comenta a este respecto.
A asociación lucense, así mesmo, ten previsto apoiar algunhas das actividades que organizará este ano a Deputación en memoria do poeta courelao.
A directiva de Lugopatrimonio, por outro lado, programou para os próximos meses outra actividade relacionada co sur lucense. Consiste nunha xornadas sobre a cultura tradicional do ferro que se desenvolverán a partir de marzo e que terán por escenario os municipios do Incio e Samos, ademais dos de Riotorto, Cervo e A Pontenova.
A asociación tamén ten previsto organizar este ano unha serie de actividades relacionadas con El señor de Bembibre , de Enrique Gil y Carrasco, unha novela história do século XIX ambientada principalmente no Bierzo, pero moi relacionada cos condes de Lemos e con Monforte.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios