A Asociación Galega de Apicultura reclama máis protección para o patrimonio cultural e etnográfico da montaña lucense vinculado á produción de mel
10 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A ruta de turismo apícola que inaugurará mañá en Quiroga a Asociación Galega de Apicultura (Aga), entre outros obxectivos, ten a finalidade de contribuír á rehabilitación do patrimonio arquitectónico e histórico da montaña lucense relacionado coa produción de mel, que a pesar de ser especialmente interesante e valioso presenta un estado de conservación moi deficiente, en opinión dos responsables deste colectivo. Neste patrimonio destacan especialmente as alvarizas, as tradicionais construcións circulares que protexían as colmeas contra os ataques dos osos e tamén contra posibles roubos.
Segundo explica Xesús Asorey, secretario da asociación, as maiores concentracións de alvarizas encóntranse nas montañas da Galicia oriental, aínda que tamén están presentes noutras zonas da comunidade, como é o caso do municipio pontevedrés de Forcarei. Tamén son comúns en zonas limítrofes de Asturias, León e o norte de Portugal. Polo que respecta a Galicia, na súa opinión, estes elementos non están recibindo o trato que merecen. «Aos apicultores e expertos estranxeiros que nos visitan chámalles a atención que teñamos tan abandonado un patrimonio tan singular», comenta. «A verdade é que non se entende que unhas mostras tan importantes de apicultura histórica non estean catalogadas e protexidas e que cando se arruínan as deixemos desmoronarse en vez de restauralas», agrega.
Os casos de rehabilitacións de alvarizas -continúa Asorey- son aínda moi infrecuentes. «Nos Ancares de Lugo reconstruíron algunhas en tempos recentes por iniciativa dunha asociación asturiana que traballa pola conservación do hábitat do oso pardo e que ten tamén algunha actividade en Galicia, pero fóra deses casos pouco máis hai», explica.
Por outro lado, salvando algunhas excepcións -como a alvariza ou albar do Lameirón, en Vilamor do Courel- por agora tamén é pouco común que estas construcións estean sinalizadas e integradas en rutas turísticas.
Iniciativas
A asociación de apicultores confía en que o aproveitamento turístico e cultural deste patrimonio experimente avances con iniciativas como a que se vai pór en marcha en Quiroga esta fin de semana. A ruta que deseñou a asociación pasa por algunhas das alvarizas que se conservan na comarca. A Aga tamén ten previsto crear itinerarios similares noutras zonas de Galicia, nas que se integrarán máis alvarizas e outros elementos arquitectónicos tradicionais ligados á actividade apícola, como as chamadas «alacenas» nas que se criaban abellas en vivendas da comarca de Santiago e da Costa da Morte, ou como os cortizos -colmeares cubertos de palla- que se utilizaban no sur da comunidade.