Gómez resalta a grande influencia que tivo en Guerra da Cal a infancia vivida en Quiroga, aínda que nunca volveu visitar a vila desde 1936 ata a súa morte.
-¿Por que non volveu á terra onde pasou a nenez?
-Despois do franquismo visitou Galicia algunhas veces, pero non foi a Quiroga, talvez para non alterar a imaxe idealizada da vila que gardaba na súa memoria. Pero el non esqueceu nunca esa terra, que ten moita importancia na súa obra poética. E a homenaxe que lle fixeron en Quiroga en 1994, pouco antes da súa morte, foi seguramente a última grande alegría da súa vida. Esa homenaxe emocionouno moito e falou dela nalgunhas das últimas cartas que escribiu.
-¿Dedicaraselle algunha vez a Guerra da Cal o Día das Letras Galegas?
-Iso é algo que ten que decidir a Real Academia Galega, pero eu penso que non hai ninguén que o mereza máis que el. Durante toda a súa vida defendeu e estudou a cultura e a literatura galegas e esforzouse moítisimo por dalas a coñecer internacionalmente. En Estados Unidos e noutros países hai moitos especialistas e estudantes de literatura e de filoloxía que se chegaron a coñecer a Rosalía de Castro e outros escritores galegos foi unicamente grazas ao seu labor.