A exposición histórica Da Terra de Lemos ao reino de Galicia foi desmontada onte na Casa de Cultura e no centro social de Caixa Galicia de Monforte, onde se exhibiu desde o 18 de xuño. Durante este tempo, acolleu un número de visitantes que sobrepasa amplamente os dous millares. Un número similar de persoas visitáronna durante a súa estada no Centro Cultural da Deputación de Ourense, entre febreiro en marzo. Os responsables calculan que o número total de visitantes ronda as 5.000 persoas. «É unha cifra moi elevada para unha exposición deste tipo», sinala a súa comisaria, Sabela Pato.
A pesar deste éxito, por agora parece pouco probable que a exposición poida ser vista noutros lugares, ademais de Ourense e Monforte, aínda que houbo solicitudes dos concellos e outras institucións para mostrala na Coruña, Santiago, Vigo e Lugo. A Sociedade de Xestión do Xacobeo, que se encargou de financiar a itinerancia, xa comunicou aos organizadores que non custeará o seu traslado a outras localidades. «Para levala á Coruña e outras localidades, terían que ser os propios concellos os que asumisen os gastos do transporte e a instalación, pero neste momentos non teñen fondos para unha iniciativa deste tipo, porque o traslado resulta un pouco custoso», admite Sabela Pato.
Destino das pezas
As pezas arqueolóxicas e históricas que se mostraron na exposición xa están sendo depositadas nos seus lugares de orixe, entre os que se encontran a igrexa monfortina de San Vicente do Pino e a igrexa románica de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao. As chamadas pezas interpretativas -paneis, mapas, instalacións de vídeo- quedarán gardadas no centro multiusos de Monforte durante varios meses, á espera de que algún dos concellos interesados en levar a exposición consiga fondos para financiar o traslado.
Unha vez pasado este período, as mencionadas pezas interprativas serán instaladas de forma definitiva na fortaleza de San Vicente, tal como se acordara cando se puxo en marcha este proxecto. A torre da homenaxe e o torreón situado xunto a ela son os espazos escollidos para expor de maneira permanente estes materiais divulgativos. A instalación realizarase nun momento aínda por determinar, entre a Semana Santa e o verán.
Sabela Pato sinala que a exposición está deseñada de tal forma que as pezas arqueolóxicas non sexan imprescindibles para comprender a historia do reino medieval de Galicia e da Terra de Lemos, cuxa divulgación é o obexctivo fundamental desta iniciativa. «O discurso que encerra a exposición pode ser seguido perfectamente sen as pezas museísticas, que serán substituídas polas propias torres de San Vicente», explica a comisaria. «Xa hai un programa preparado para que a exposición se adapte a ese espazo histórico, que é algo que xa estaba previsto desde o principio», engade.