Desde hai bastantes anos, Xosé Lois Foxo estivo investigando o patrimonio musical da serra courelá, recollidos nos libros e discos da serie Músicas do Caurel , cuxo terceiro volume está a punto de saír á venda. Na actualidade está levando a cabo este mesmo labor en zonas próximas ao Courel, que comparten similares tradicións musicais.
Ademais de recoller cantares populares e informacións sobre as tradicións locais do val do Lor, o músico investigou no patrimonio oral do veciño municipio da Pobra do Brollón. Un dos seus proxectos máis inmediatos consiste en editar un disco e un libro dedicado a José Veloso, un brindeiro da localidade de Forgas que improvisa coplas coa mesma técnica tradidicional que aínda conservan algúns cantores populares do Courel e do Cebreiro.
En Oencia
As investigacións de Foxo esténdense tamén aos territorios de lingua galega da provincia de León, cuxas tradicións están estreitamente emparentadas coas da montaña lucense. Unha das que máis chamaron a súa atención, segundo explica, son os cantares de ronda que se conservan na aldea de Arnado, do municipio de Oencia, unhas coplas que os mozos cantaban de noite ás mozas.