Rescate de vellos cantares e romances no val do Lor

LEMOS

Xosé Lois Foxo recolle o patrimonio musical das aldeas de Quiroga, ata agora moi pouco estudado

11 jul 2009 . Actualizado a las 15:00 h.

O local social da aldea de Margaride, na parroquia quiroguesa de Quintá de Lor, foi onte escenario dunha singular iniciativa de estudo e recuperación do patrimonio oral e musical da zona. Un grupo de veciños -todos eles de máis de 70 anos de idade- participaron nunha sesión de gravación de cantares tradicionais organizada polo director da Real Banda de Gaitas de Ourense, Xosé Lois Foxo, que desde hai un par de anos está recollendo cantigas e narracións nas localidades do curso baixo do Lor.

Os veciños de Margaride e doutras poboacións do val do Lor, segundo explica Foxo, coñecen unha grande cantidade de cantos tradicionais - principalmente cantigas de seitura, coplas de cegos e romances- que ata agora apenas foron estudados polos especialistas. «Ademais de conservar moitas composicións antigas de diversas procedencias, a xente de aquí ten moita creatividade propia e conta cun repertorio amplo de cantares de tempos relativamente recentes que falan, por exemplo, de cousas que aconteceron nestas aldeas ou de sucesos da Guerra Civil», comenta o músico.

Foxo sinala por outro lado que visita esta zona con frecuencia e cada dúas ou tres semanas organiza gravacións como a que se desenvolveu onte en Margaride. Un dos seus obxectivos é editar estes materiais en cedé e deuvedé e publicar as letras e partituras dos cantares que está recollendo actualmente, pero esta idea aínda tardará un tempo en ser levada á prática. «Necesitaremos polo menos outro par de anos de traballo, porque o patrimonio que hai que recoller é moi extenso», afirma.

Asimesmo, Foxo levará aos cantores e cantoras de Quiroga ao Filandón de Músicas que organiza desde hai anos no Courel e pretende tamén que participen nas actividades formativas da escola de música da Deputación ourensá.