«O apoio dos veciños estes 22 anos é a mellor acreditación que me levo»

LEMOS

Vinculado á súa vila natal persoal e profesionalmente, deixa a alcaldía emocionado, pero con ilusión pola súa nova etapa na área da ensinanza, outra da súas paixóns

08 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

José Jesús Ramos Ledo (Taboada, 1944) marcha do Concello cun bo sabor de boca e co respaldo e a seguridade que dan máis de vintedous anos á fronte da alcaldía de Taboada gañando con maioría absoluta. O luns renunciou ao seu posto como rexedor para comezar unha nova etapa na Xunta, como xefe territorial de Educación. Á fronte da alcaldía queda agora o que fora primeiro tenente de alcalde, Ramiro Moure.

A traxectoria de Ramos Ledo é tan longa e intensa que sería imposible relatala nunhas liñas. O que si se pode afirmar é que os dous eixos fundamentais da súa vida laboral son a educación e a política. Por iso traballou durante 32 anos como director do colexio público de Taboada e máis de 22 anos como alcalde da mesma localidade. Son as súas dúas grandes paixóns, e comezou desde novo a interesarse por elas.

En 1983 presentouse por primeira vez ás eleccións en Taboada, como cabeza de lista por Coalición Galega. Conseguiu seis concelleiros, pero os outros partidos fixeron coalición e non chegou a alcalde. No seguinte mandato, en 1987, presentouse xa por Alianza Popular, e gañaron con oito concelleiros. Iso foi o comezo dunha carreira política chea de éxitos e satisfaccións, e que continúa hoxe. Foi tamén deputado de Educación e Deporte durante máis de oito anos, membro da Fegamp, membro da Comisión Galega Interinstitucional do Menor, presidente do Taboada Club de Fútbol e un senfín de cargos máis.

-¿Resultoulle difícil tomar a decisión de deixar a alcaldía?

-Foi moi difícil, por varios motivos. Primeiro, porque eu son de Taboada, nacín na praza de Riazón, e teño unha forte vinculación coa miña terra. E isto supón un cambio importante. Pero tamén hai outros sentimentos favorables. Sigo ligado á educación, e a min encántame a ensinanza, por iso afronto esta nova responsabilidade con ilusión.

-¿Custoulle máis deixar a alcaldía ou a dirección do colexio?

-A dirección do colexio era incompatible co meu novo cargo na Xunta. A alcaldía non, pero, como xa expliquei no seu día, por razóns éticas e de eficacia na xestión, marchei. Custoume deixar as dúas cousas por igual, porque son moitos anos, e ás dúas tarefas me entreguei con moita ilusión.

-¿Como ve o seu futuro político? ¿Volverá a Taboada, retirarase ou aspira a outro cargo?

-Por agora teño que pensar no que vou facer no presente. En calquera caso, o que está claro é que estou á enteira disposición do meu partido.

-¿Por que confiou en Ramiro Moure para substituílo?

-Os dous levamos moitos anos traballando xuntos e coñecémonos moi ben. Del destacaría a súa gran capacidade de traballo, a ilusión e a experiencia que ten no Concello. Creo que a alcaldía queda nas mellores mans.

-¿Que balance realiza da súa etapa como alcalde?

-O apoio dos veciños durante estes más de vintedous anos é a mellor acreditación que me levo. En canto ás obras, podo destacar algunhas, como o centro de saúde, o polideportivo, a piscina e a área da Medela ou a remodelación da casa da cultura.

-¿Que deixa pendente e lle gustaría ter feito?

-Principalmente, a urbanización do parque empresarial, que é algo importantísimo para Taboada, aínda que o retraso non foi culpa do equipo de goberno.

-¿Con que retos se enfrontará nesta nova etapa na área de Educación?

-Por agora solo podo dicir que poñerei todo o meu esforzo e ilusión e confío en que traballaremos arreo e con bos resultados, xa que hai persoal moi cualificado nese departamento.