O novo concurso local de tapas contará coa participación de 28 negocios, nove máis que o primeiro
30 may 2009 . Actualizado a las 14:54 h.O segundo concurso de tapas que se celebra en Monforte contará coa participación de 28 establecementos, nove máis que na primeira edición. A convocatoria, que o ano pasado correu a cargo do Centro Comercial Urbano (CCU), é organizada esta vez pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería (APEHL) e presenta tamén a novidade de que as tapas serán cualificadas por un xurado profesional e outro popular.
O certame, baixo o lema Cume Tapas, foi presentado onte no casa consisitorial nun acto amadriñado pola actriz televisiva Nuncia Valcárcel, natural do municipio da Pobra do Brollón, que proximamente rexentará un restaurante en Monforte. O concurso desenvolverase entre os días 6 e 21 de xuño. Segundo explicou a representante local da APEHL, Beatriz Vila Freire, as normas obrigan a todos os negocios participantes a ofrecer as tapas presentadas ao concurso de 12.30 a 15 horas e de 17.30 a 22.30 durante todo este período. Os que o desexen tamén poderán ofrecelas durante o resto da xornada. Así mesmo, suxerirán á clientela acompañar estes preparados gastronómicos con viños da Ribeira Sacra.
Os clientes poderán votar polas súas tapas preferidas seguindo o mesmo sistema empregado na anterior edición, é dicir, cubrindo uns impresos que se lles entregarán xunto coa consumición e depositándoos en urnas. Ao igual que na ocasión precedente, cada tapa presentada ao certame terá o prezo dun euro. O día 22 celebrarase un sorteo na Casa de Cultura para repartir tres premios entre os clientes que participen nas votacións.