A arquitectura local conserva as pegadas do ambiente de represión da posguerra

La Voz

LEMOS

17 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

As investigacións realizadas por Ayán tamén teñen en conta a pegada que deixaron na arquitectura local os conflitos do século pasado.

-¿Como se pode percibir hoxe o ambiente daqueles tempos a través da arquitectura?

-Un exemplo moi patente está nos cuarteis da Garda Civil que se construíron naqueles tempos, como o da Pobra do Brollón, que data da época en que a guerrilla comezou a ser vencida. Estaban planeados como auténticas fortalezas e respondían á estratexia de conquista territorial que aplicaron as forzas franquistas. O antigo cárcere de Quiroga, onde estivo detida moita xente despois da batalla de Repil, é outro claro exemplo desa arquitectura da represión.

-¿Queda aínda moito por investigar neste campo?

-A xente que viviu aqueles sucesos xa é moi maior e é importante recoller todos os testemuños orais que poidan conservar. É importante aplicar técnicas interdisciplinares -combinando métodos da arqueoloxía ou da antropoloxía cultural- para estudar feitos como o de Repil, que se poden considerar como microhistoria, pero encerran moita información sobre os grandes procesos históricos e axudan a entender como eses procesos impactaron na poboación.