A porta entre Brollón e O Courel

LEMOS

A recente sinalización de diversos puntos de interese axudou a incrementar o potencial turístico da estrada que enlaza Salcedo con Folgoso

10 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

As obras de reforma que se executan na estrada de Quiroga a Folgoso non teñen ningún paralelo na principal ruta de acceso á Serra do Courel desde a comarca de Lemos. O traxecto que vai de Monforte a Folgoso pasando por Salcedo, Parada dos Montes, Froxán e Vilamor non foi obxecto por agora de ningún proxecto de ampliación ou modernización, pero nos últimos tempos está incrementando o seu potencial como ruta turística grazas a unha serie de pequenas actuacións efectuadas nos tramos que discorren polos municipios da Pobra do Brollón e O Courel.

Por unha parte, ao percorrer hoxe os referidos tramos -pertencentes á estrada provincial LU-4710- é máis fácil localizar os principais lugares de interese grazas a unha serie de paneis e letreiros colocados en tempos recentes con arranxo ao plano de sinalización turística da Asociación Río Lor e a intervencións promovidas polas asociacións veciñais de Salcedo e Froxán. Estes sinais fan reparar aos automobilistas en lugares que antes podían pasar desapercibidos, como o conxunto de sequeiros das Cabanas do Mazo, encadrado na ruta de sendeirismo que vai Pobra do Brollón a Salcedo.

Ao longo do traxecto de Salcedo a Folgoso é posible admirar tamén o souto do Seixiño Branco e o piñeiral de Abraído, na beira esquerda do Lor, que se avistan desde a marxe contraria no lugar de Rodeira Fondeira. Desde este punto sinalizado poden verse tamén a localidade de Vilamor e o castro de Vilar, que se alzan sobre enormes esporóns de rocha. Máis adiante están o albar do Lameirón -unha imponente alvariza sinalizada dentro da ruta de sendeirismo Froxán-Vilar, e a fervenza de Baldomir, onde medra un pequeno bosque de amieiros. A todo isto súmase o miradoiro do Teso Grande, construído cerca de Froxán por iniciativa dos veciños, que ofrece un impresionante panorama do val do Lor.