«Confiamos que a Consellería de Cultura manteña o compromiso de construir o pavillón»

La Voz

LEMOS

01 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O equipo de goberno segue levando a cabo actuacións en infraestructuras e servicios. A administración local está pendente de que a Xunta lle confirme a construcción do novo polideportivo.

-¿En que obras están traballando na actualidade?

-Licitamos as obras do plan estatal, que inclúen a remodelación do tanque e da traída de augas á Pobra de Brollón; a rexeneración de varias estradas locais e o plan de aforro enerxético do alumeado público. En próximos días incluiremos no POS o saneamento da parroquia de Santalla. Estamos a piques de rematar as obras do Plan Estratéxico de Medio Rural, nas que se investiron 195.000 euros. Consistiu na construcción da depuradora de Piño e no acondicionamento de estradas locais

-¿Está satisfeito coas actuacións no eido social?

-Si. Temos dende hai un mes en funcionamento o centro de día, con once prazas iniciais, ás que sumamos cinco máis. Tamén entregamos as doce vivendas sociais.

-¿Ten algunha asignatura pendente?

-Queremos que a Consellería de Cultura manteña o convenio que asinamos co anterior Goberno polo que se construirá un polideportivo, cun orzamento de un millón de euros. O 88% do custe sufragaríao a Xunta e a cantidade restante aportaríanola a Deputación de Lugo. Outra cuestión pendente é a aprobación do Plan Xeral. Temos que sacalo adiante antes de que remate este mandato, xa que é preocupante.