Os concellos de Chantada, Sober, Pantón, Bóveda e Brollón colaborarán na carreira a prol do uso do galego
29 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Alumnos dos municipios de Monforte, Chantada, Sober, Pantón, Bóveda e A Pobra do Brollón participarán o próximo día 8 na segunda edición da Correlingua que se celebra na cidade do Cabe. A iniciativa, promovida pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística, as deputacións lucense e coruñesa e os concellos de Lugo, Santiago, Vigo e Pontevedra, levouse a cabo por primeira vez no sur lucense o 15 de maio do pasado ano.
Nesta ocasión, as carreiras populares que constitúen a principal actividade deste programa -que ten por obxectivo a promoción social do idioma galego, principalmente entre a xuventude- comezarán a celebrarse en Vigo e Pontevedra o día 5. Ademais destes lugares e de Monforte, tamén está previsto desenvolver estas actividades ata o día 15 en Ourense, Santiago, Verín, Lugo, San Cibrao, A Pobra do Caramiñal, Tui, Ferrol, Vilagarcía, A?????Estrada e A Coruña. En total, está prevista a participación de cerca de 4.500 alumnos duns cincocentos centros educativos.
Polo que respecta a Monforte, a carreira comezará ás once e cuarto da mañá no cume do monte de San Vicente do Pino. Os participantes baixarán pola zona da Régoa, a rúa de Santo Domingo e a praza de España, pasando despois pola rúa do Cardeal, para rematar na praza da Compañía. Alí levarase a cabo, a partir das doce do mediodía, a lectura dun manifesto a favor do uso do galego redactado por alumnos dun centro educativo do municipio pontevedrés de Nigrán. O programa comprende tamén actuacións do grupo teatral Chévere e da banda Chámalle Xis, gañadora da última edición do concurso musical A polo ghit da Correlingua . O lema que presidirán este ano todas as carreiras populares da Correlingua é: En galego, pásao .