Unha comarca na Rede

LEMOS

A Terra de Lemos contará a finais de maio coa primeira web social de ámbito comarcal de Galcia

18 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O centro Expolemos acolleu o pasado xoves o acto de presentación do portal Xentedelemos.org, a web portal social de ámbito comarcal que se crea en Galicia e que terá como finalidade, segundo os seus promotores, «intercambiar ideas, proxectos e informacións sobre toda a comarca». A páxina xa está aberta en Internet, pero encóntrase aínda en período de probas. Segundo as previsións actuais, estará totalmente operativa a partir do 25 de maio.

O novo portal é promovido pola Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e a Rede para a Dinamización da Sociedade da Información, co apoio da Consellería de Medio Rural. Os seus usuarios poden ser asociacións de todo tipo ou particulares a título individual. Quen se rexistre como tal disporá neste portal dun espazo propio no que poderá verter informacións, opinións ou imaxes de todo tipo, sempre que non sexa con ánimo de lucro. Estes espazos -que funcionarán dun modo similar aos blogs- serán accesibles soamente para quen decidan os propios autores.

Sección xeral

A web terá ademais unha sección xeral, accesible para todos os que a visiten, na que se recollerán todo tipo de informacións relacionadas coa comarca, normalmente mediante enlaces a noticias publicadas en edicións dixitais de xornais e outros de comunicación.

Segundo explica Mónica Gamallo, traballadora da Rede de Dinamización para a Sociedade da Información que exercerá como administradora do portal, a idea é que esta páxina funcione dunha forma semellante ás chamadas redes sociais de Internet. «Os usuarios poderán difundir coñecementos que consideren de interese para a comarca ou formar comunidades unidas por intereses ou características comúns», explica.

Os promotores do portal teñen previsto organizar o 25 de maio unha xornada informativa na que se explicará en detalle o procedemento que deben seguir os usuarios para introducir as informacións que consideren oportunas, así como as normas éticas ás que deberán axustarse os textos e imaxes que se publiquen na web. «O lugar aínda non está decidido, pero esperamos contar con algunha sala dotada de varios ordenadores para que os futuros usuarios poidan experimentar por si mesmos», di Gamallo.