Un novo paso para recuperar as tradicións do Courel

LEMOS

Os veciños de Froxán recrearán en maio o antigo labor de elaboración artesanal de carbón de uz

16 abr 2009 . Actualizado a las 10:35 h.

A localidade de Froxán será escenario o 2 de maio dunha nova iniciativa de recuperación das tradicións características da Serra do Courel. A asociación veciñal Fonte do Milagro e a hospedaxe de turismo rural Casa da Aira teñen previsto organizar ese día unha demostración da elaboración de carbón vexetal con raíces de uz, unha actividade abandonada xa hai moitos anos que en tempos tivo unha notable importancia na vida da aldea. A exhibición levarase a cabo a partir das once da mañá e correrá a cargo de Evaristo Méndez, un veciño de Froxán que coñece esta vella técnica de fabricación de combustible.

Segundo explican os responsables da referida asociación, a fabricación de carbón vexetal foi antano unha actividade habitual dos veciños de Froxán, tanto para abastecer ás vivendas da localidade como para vendelo a outras poboacións da serra. O carbón de uz elaborado nesta aldea vendíase incluso en Monforte. O pasado febreiro, os veciños de Salcedo, na Pobra do Brollón, organizaron tamén unha recreación deste labor tradicional nun monte da zona de Paramedela.

Por outro lado, Fonte do Milagro prepara a oitava edición da Festa da Serra, unha xornada etnográfica na que se recrea o labor tradicional de serraxe de troncos e de fabricación de vigas de madeira e que ten por escenario a localidade de Ferreirós de Abaixo. A demostración levarase a cabo neste caso o 16 de maio, a partir do mediodía.

A asociación tamén é responsable da Festa da Pisa da Castaña que se celebra en Froxán desde hai unha década e que recupera outra actividade tradicional do Courel, a preparación de castañas secas. A aldea, restaurada integramente na pasada década, goza por outra parte da categoría de ben de interese cultural grazas ao bon estado de conservación do seu patrimonio arquitectónico.