A asociación que promove a ruta histórica repartiu as novas guías e planificou as súas actuacións para o 2009
08 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra distribuíu as novas guías do Camiño de Inverno entre os concellos polos que pasa esta ruta histórica, ao mesmo tempo que planificou as súas actuacións para os próximos meses nunha asemblea celebrada onte pola mañá no centro comarcal Expolemos de Monforte.
As novas guías, editadas coa axuda da Dirección Xeral de Turismo, consisten en despregables que conteñen un mapa xeral da ruta desde Ponferrada ata Santiago e foron presentadas na última edición da feira turística Intur de Valladolid. En total, imprimíronse 80.000 exemplares, a metade en galego e castelán e a outra metada en inglés e francés. Os concellos do tramo lucense recibiron arredor de 12.000 exemplares de cada modelo, segundo precisou a presidenta da asociación, Aida Menéndez.
Xestións ante a Xunta
Por outro lado, a directiva da asociación acordou dirixirse ás novas autoridades da Xunta cando se constitúa o Goberno autonómico entrante, a fin de solicitarlles que sigan apoiando a promoción do Camiño de Inverno. Menéndez recordou a este respecto que a Dirección Xeral de Turismo se comprometeu a favorecer a declaración do itinerario como ben de interese cultural e espera que esta iniciativa poida levarse a cabo no novo mandato. «Pensamos seguir defendendo a promoción da ruta ata que sexa recoñecida oficialmente como itinerario xacobeo, tal como viñemos facendo ata agora», di a presidenta da asociación.
A entidade, así mesmo, programou unha nova serie de marchas promocionais pola ruta. As primeiras levaranse a cabo a mediados a finais de maio, respectivamente, polos tramos berciano e valdeorrés. Tamén están previstas excursións por outros itinerarios xacobeos, como o Camiño Norte e o Camiño Portugués.
Outro aspecto abordado na asemblea foi a preparación das xornadas do Camiño de Inverno, que este ano coinciden co décimo aniversario da fundación da asociación. As xornadas celebraranse a mediados de setembro entre Monforte, Sober e Pantón e a intención dos seus organizadores é «organizar algo especial», segundo explicou Menéndez, para festexar o mencionado aniversario.